O Rexistro de Medios Dixitais NRede acredita xa 18 cabeceiras, con representantes de todas as cidades galegas
NRede, o rexistro posto en marcha polo Colexio de Xornalistas para garantir o traballo xornalístico das cabeceiras dixitais e facilitar o seu recoñecemento, chega xa aos dezaoito medios acreditados. Coas novas incorporacións de Ecos da Comarca, Ferrol360 e O Tinteiro xa están representadas todas as provincias e cidades galegas, ademais de distintas vilas. Os medios interesados seguen a poden solicitar a súa inscrición, gratuíta para colexiados e colexiadas.
NRede, o Rexistro de Medios Dixitais Galegos, foi posto en marcha en febreiro deste ano polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia para pór en valor os medios dixitais galegos fronte á aparición de espazos na rede que tentan facerse pasar por xornalísticos sen selo. NRede ofrece á cidadanía a garantía de que a información á que está tendo acceso é froito dun traballo profesional e respecta a deontoloxía do xornalismo, distinguíndoa así doutro tipo de contidos dixitais. Igualmente, pretende servir de axuda para que estes medios teñan máis argumentos para o acceso a subvencións públicas ou para acreditarse en determinados eventos. As cabeceiras incluídas en NRede contan cun selo que poden visibilizar nas súas páxinas web, ademais de apareceren na web do rexistro.
Nos últimos meses, foron acreditados co Selo de Medio Dixital Galego as cabeceiras Ecos da Comarca, Ferrol360 e O Tinteiro, que acompañan así a La Alacena Roja, Galicia Confidencial, Galiciapress, GCDiario, GCiencia, Lugo Xornal, Mundiario, Pontevedra Viva, Praza Pública, Tempos Dixital, Xornal da Mariña, Xornal de Bueu, Xornal da Coruña, Xornal de Lemos e Xornal de Vigo, que xa estaban inscritas en NRede. En total, son dezaoito xa os medios galegos que forman parte de NRede, con representantes do mellor xornalismo dixital que cobren información desde as sete cidades galegas, ademais de desde comarcas como A Mariña, o Deza ou Lemos.
Como inscribirse en NRede
Os medios que soliciten formar parte de NRede e cumpran os requisitos serán recoñecidos co selo de Medio Dixital Galego, que poderán visibilizar nas súas páxinas web de cara a se identificar como un espazo de comunicación con contidos xornalísticos, así como para facilitar a súa acreditación ou acceso a axudas públicas. O Colexio rexistraraos nun listado de libre acceso para consulta da cidadanía e solicitará á Xunta de Galicia a súa inclusión na Guía da Comunicación editada pola administración autonómica. A inscrición é gratuíta para colexiados e colexiadas.
Os medios interesados poden solicitar a inscrición en NRede a través da páxina web do Colexio. Para calquera dúbida sobre a solicitude de inscrición en NRede, pódese contactar co Colexio de Xornalistas no correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670.
CPXG