O Sindicato de Xornalistas Palestinos gaña o XXI Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa

Logo do Sindicato de Xornalistas Palestinos

O Sindicato de Xornalistas Palestinos, a organización que representa os e as profesionais da información dese país, é a candidatura gañadora do XXI Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia coa colaboración da Deputación da Coruña, a través da área de Dereitos Civís. Nasser Abu Baker, presidente do sindicato, recollerá o premio o vindeiro 10 de maio ás 12:30 nun acto no Centro Galego de Arte Contemporánea en Santiago (Rúa de Ramón del Valle-Inclán, 2). 

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia anunciou esta mañá que o Sindicato de Xornalistas Palestinos é o gañador da vixésimo primeira edición do Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, o recoñecemento da profesión galega a aquelas persoas ou organizacións que destaquen pola defensa da liberdade de prensa, que convoca coa colaboración da área de Servizos Sociais da Deputación da Coruña. O reconto dos votos emitidos polas colexiadas e colexiados do CPXG foi supervisado polo notario José Ignacio Feijoo Juarnos, do Ilustre Colexio Notarial de Galicia, quen deu fe do reconto na acta número 196 do seu protocolo. A candidatura do Sindicato de Xornalistas Palestinos resultou vencedora con maioría suficiente e sen necesidade de voto de calidade da presidenta do xurado. 

A organización do premio aproveitou o anuncio da resolución para "denunciar a situación dramática que están a vivir as e os xornalistas palestinos a causa da invasión do exército de Israel, onde a poboación está sendo asasinada, confinada e obrigada a emigrar e onde non se respectan as mínimas condicións humanitarias, tampouco no ámbito informativo". Mais se "Gaza é hoxe o lugar máis perigoso do mundo, tamén para o xornalismo", a preocupación do Colexio esténdese tamén "a outros territorios onde informar cada vez é máis complicado: Ucraína, Afganistán, México ou Paquistán", sen esquecer "os máis de medio milleiro de xornalistas que están nos cárceres de todo o planeta por facer o seu traballo" ou "as dificultades que o xornalismo suma en contornas máis próximas".

Os actos de entrega do premio van ter lugar o vindeiro sábado 10 de maio, ás 12:30 no Centro Galego de Arte Contemporánea en Santiago, e contarán coa presenza de Nasser Abu Baker, presidente do sindicato. O premio, sen dotación económica, consistirá cada ano nunha imaxe dun ou dunha fotoxornalista galega, que nesta vixésimo primeira edición será da autoría de Óscar Corral, recente Premio Ortega y Gasset á mellor fotografía.  

A candidatura premiada

O Sindicato de Xornalistas Palestinos (PJS, polas súas siglas en inglés) é unha organización profesional non gobernamental que representa a totalidade dos xornalistas palestinos. A súa sede principal está en Ramala, aínda que conta con sucursais noutras gobernacións. Herdeiro do primeiro sindicato, nacido en 1924 e desaparecido coa Nakba, fundouse en 1979 baixo o nome de Liga de Xornalistas Árabes en Xerusalén, debido á prohibición israelí de utilizar referencias explícitas a Palestina. Co retorno da Autoridade Nacional Palestina en 1994, consolidouse como o marco sindical de referencia para os xornalistas palestinos dentro e fóra do país.

O PJS enfronta retos constantes debido á ocupación israelí e á censura da información en Palestina. Dende o 7 de outubro de 2023, os xornalistas palestinos foron obxecto dunha campaña sistemática de persecución por parte do exército israelí, con 210 xornalistas palestinos asasinados a 28 de abril deste ano, segundo datos do propio sindicato. Ademais, hai centos de xornalistas palestinos arrestados, numerosas vivendas de profesionais da comunicación destruídas e oficinas de medios bombardeadas. O bloqueo de correspondentes estranxeiros en Gaza e a censura contra o contido propalestino nas redes sociais forman parte tamén dunha estratexia de control informativo.

A pesar da represión, o PJS segue loitando pola liberdade informativa, garantindo que as violacións dos dereitos humanos en Palestina sexan documentadas e difundidas a nivel mundial. O seu traballo é fundamental para a preservación da memoria histórica e a denuncia das inxustizas que se están a cometer en Oriente Próximo, e ten sido recoñecido con galardóns como o Premio Mundial de Liberdade de Prensa Guillermo Cano outorgado en 2024 pola ONU e a UNESCO aos xornalistas de Gaza.

O premio

O Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa recolle o legado do Premio José Couso, organizado polo Colexio de Xornalistas e Club de Prensa de Ferrol, logo de que no 2024 a familia Couso Permuy solicitara que se retirase o nome do camarógrafo ferrolán do galardón. O premio segue a constituír unha distinción do xornalismo galego a periodistas ou organizacións de calquera orixe cuxo compromiso merece o recoñecemento profesional e social.

As gañadoras e gañadores das edicións anteriores foron Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi (2024), Marcos Méndez (2023), Érika Reija (2022), Manuel Rico (2021), Lorenzo Milá (2020), Defende a Galega (2019), Julia Otero (2018), Xosé Hermida (2017), Miguel Ángel Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), WikiLeaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), José Vidal-Beneyto (2008), Jon Lee Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).

Web do Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa

CPXG