O tratamento informativo da violencia machista: 15 anos da Declaración de Compostela

Neste 25 de novembro o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia fai balance das melloras e das eivas no tratamento informativo da violencia contra as mulleres, quince anos despois da Declaración de Compostela.

O 16 de outubro de 2004 máis de setenta xornalistas e axentes sociais asinaban a Declaración de Compostela, un documento que recoñecía a responsabilidade dos medios de comunicación na loita contra a violencia machista e que ofrecía unha guía para a práctica informativa diaria. Unha iniciativa impulsada polo CPXG, a través do seu Observatorio de Medios.

Quince anos despois, o CPXG convida xornalistas de diferentes xeracións a avaliaren os avances conseguidos e os cambios pendentes na abordaxe da violencia de xénero nos medios de comunicación galegos. Durante a xornada o CPXG compartirá nas redes sociais as reflexións de Belén Puñal, unha das impulsoras da Declaración de Compostela; Cláudia Morán, integrante de Xornalistas Galegas; Rita Alonso, profesional de TVE en Galicia e María Xosé Porteiro, xornalista.

Hai coincidencia en valorar moi positivamente os pasos adiante na identificación da violencia machista como un problema social de primeira orde e na sensibilización contra o machismo estrutural que a causa. Tamén se percibe un maior compromiso nas redaccións, especialmente das xornalistas. Con todo, detéctase unha perigosa tendencia á espectacularización e mercantilización destas informacións, en coberturas como a do triplo crime machista de Valga ou a do asasinato de Diana Quer.

Moito camiño andado e moito camiño aínda por andar. Logo de quince anos, a Declaración de Compostela segue sendo un horizonte non alcanzado na abordaxe informativa da violencia machista: na identificación das diferentes formas de violencia como unha violación dos dereitos humanos, no coidado das fontes, no rexeitamento do morbo e dos estereotipos... Entre os recursos que o CPXG pon a disposición das e dos xornalistas está tamén a Guía para o tratamento informativo da violencia contra a muller Informa_Dor, realizada en colaboración co Colexio de Psicoloxía.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia