O Tribunal Constitucional recoñece o esquecemento como "dereito fundamental" e esténdeo ás hemerotecas dixitais

Unha sentenza pioneira do Tribunal Constitucional vén de considerar o "dereito ao esquecemento" como un dereito fundamental e obriga ao xornal El País a eliminar do buscador interno da súa hemeroteca a posibilidade de acceder a unha información a través dos nomes e apelidos das persoas afectadas. 

O Tribunal Constitucional español vén de fallar, por primeira vez, sobre o dereito ao esquecemento dixital, Na sentenza da Sala Primeira, asinada o pasado 4 de xuño e notificada este martes, o tribunal considera que "se as liberdades informáticas poden definirse como dereito fundamental, tamén o é, porque se integra entre elas, o dereito ao esquecemento". Ademais, aínda que rexeita que os medios de comunicación teñan que eliminar das informacións antigas os datos persoais das persoas afectadas, si obriga a impedir que se poidan encontrar estas informacións nos buscadores internos a partir dos nomes e apelidos. 

A sentenza prodúcese tras a demanda de dúas persoas detidas por trafico de drogas no 1985 contra o xornal El País. En 2009, cos seus antecedentes penais xa cancelados, comprobaron que a información sobre a súa detención aparecía nos primeiros resultados dos buscadores esixiron ao diario nos tribunais que eliminara da hemeroteca digital os seus nomes e apelidos, adoptando medidas para que a información no aparecera nos motores de búsqueda de Internet nin no buscador interno do medio. A demanda foi estimada polo Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Barcelona o 4 de outubre do 2012, e confirmada pola Audiencia Provincial de Barcelona o 11 de outubro de 2013, pero o Supremo estimou parcialmente o recurso de El País no 2015 e rexeitou que o xornal tivera que alterar o arquivo para eliminar os nomes e apelidos dos afectados ou restrinxir a súa aparición no buscador.

Finalmente, o Tribunal Constitucional reverte a última destas decisións e o xornal terá que impedir o acceso á información no motor de busca a través dos nomes e apelidos, que o Supremo cualificou como "unha restricción excesiva da liberdade de información vinculada á existencia das hemerotecas dixitais".  O Constitucional considera que deste xeito "sempre será posible, se existe unha finalidade investigadora na busca de información afastada do simple interese xornalístico na persona investigada, localizar a noticia mediante una busca temática, temporal, xeográfica ou de calquera outro tipo".

O dereito de supresión ou "dereito ao esquecemento" surxe o 13 de maio do 2014 a raíz dunha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea e permite limitar a difusión de datos persoais a través da rede. Inclúe o dereito a limitar a difusión indiscriminada de datos persoais ou a difusión de enlaces nos buscadores cando os datos non estean xustificados pola relevancia ou interese público e poidan lesionar os dereitos das persoas. Non é un dereito absoluto e, no caso de chocar con outros dereitos, cómpre que decida a autoridade reguladora.

CPXG