Obradoiros nas catro provincias nunha nova semana de Xornalismo na Escola "la Caixa"

Obradoiro de 'Xornalismo na Escola' o pasado 26 de febreiro no IES nº 1 de Ribeira

A iniciativa 'Xornalismo na Escola "la Caixa"', posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ para achegar os medios de comunicación aos máis novos, terá unha nova semana de intensa actividade na que chegará a todas as provincias galegas, con obradoiros en Pontevedra (luns 9), Ourense (luns 9 e xoves 12), Marín (luns 9 e venres 13), Soutomaior (mércores 11), Cee (mércores 11) e Meira (xoves 12).

O programa didáctico sobre os medios de comunicación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ´la Caixa` achegará o mundo do xornalismo ao alumnado do IES Illa de Tambo de Marín, o IES Luís Seoane de Pontevedra, o IES Ferro Couselo de Ourense, o CPI Manuel Padín Truiteiro de Soutomaior, o IES Agra de Raíces de Cee, o IES Eduardo Blanco Amor de Ourense e o IES Pedregal de Irimia de Meira. Así, o programa desta semana de obradoiros é o seguinte: 

  • Luns 9 no IES Illa de Tambo de Marín, ás 9:20. Imparte o obradoiro Sara Martínez Fernández. 
  • Luns 9 no IES Luís Seoane de Pontevedra, ás 16:00. Imparte o obradoiro Sara Martínez Fernández. 
  • Luns 9 no IES  Ferro Couselo de Ourense, ás 16:00. Imparte o obradoiro Xosé Lois Carrión González. 
  • Mércores 11 no CPI Manuel Padín Truiteiro de Soutomaior, ás 10:00 e ás 12:00. Imparte os obradoiros Paula Méndez Casais. 
  • Mércores 11 no IES Agra de Raíces de Cee, ás 10:30 e ás 12:30. Imparte os obradoiros Olalla Liñares García. 
  • Xoves 12 no IES Eduardo Blanco Amor de Ourense ás 9:20. Imparte o obradoiro Xosé Lois Carrión González. 
  • Xoves 12 no IES Pedregal de Irimia de Meira ás 9:20 e ás 11:00. Imparte os obradoiros Maica García Rodríguez. 
  • Venres 13 no IES Illa de Tambo de Marín, ás 9:20. Imparte o obradoiro Sara Martínez Fernández. 

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a uns 3.000 rapaces e rapazas de toda a comunidade. Rosa María Bueno Crego, Xosé Lois Carrión González, Pablo Díaz Bouza, Maica García Rodríguez, Emilio Gómez Álvarez, Mónica González Alonso, Olalla Liñares García, Sara Martínez Fernández e Paula Méndez Casais son os e as xornalistas –todos eles con ampla traxectoria profesional– que están impartindo talleres en distintas localidades galegas.

Nestas sesións de 90 minutos de duración, dirixidas a alumnado de Secundaria, a rapazada entra en contacto co mundo xornalístico, coñecendo máis de preto o panorama informativo e o funcionamento dos medios de comunicación. Así, combinando teoría e práctica, trátanse cuestións como a liberdade de expresión, o dereito á información, os xéneros xornalísticos, a estrutura das noticias, a selección e xerarquización de contidos, as fontes de información, a diferenza entre os medios públicos e privados, a manipulación e a censura, os riscos e oportunidades da era dixital ou a importancia do propio oficio xornalístico. O obxectivo principal é trasladarlle ao alumnado saberes e ferramentas para seren usuarios formados, críticos e responsables á hora de informarse.

Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa. As dúas primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito no 2016 e no 2017 máis de 150 talleres de comunicación en case setenta puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade galega.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG