Os Colexios de Xornalistas condenan as ameazas da dirección de El País aos seus redactores

Os Colexios de Xornalistas de Cataluña, Galicia e Andalucía consideran absolutamente condenables as presións para que os redactores de El País cedan na súa postura de non asinar as informacións como protesta polo despedimento de 149 compañeiros.
Tanto a actitude do presidente de PRISA, ameazando con acusar de sabotaxe a aqueles redactores que retiren a firma das súas informacións, como a do director, presionando directamente aos profesionais para que a manteñan, advertíndolles de que en caso contrario podería non volver asinar máis, constitúan ou non un delito de acoso laboral, como demandou o Comité de Empresa, son unha clara e grave inxerencia nun dos principais dereitos e deberes dun xornalista: o de facerse responsable do que escribe se o fai libremente e sen presións de ningún tipo. E é cada profesional quen decide se existen ou non esas presións.

Ademais desa inxerencia na deontología profesional, é de lamentar tamén o desprezo manifestado cara a un grupo de profesionais pola súa idade, que no resto do mundo son unha referencia pola súa experiencia e polo seu traballo diario.

Tamén o é o ERE que afectará a practicamente un terzo do persoal de redactores. Non soamente porque sexa uno máis dos que están decimando as redaccións de todo o Estado, senón porque se produce nun grupo excelentemente dotado de moi ben pagos directivos e nun xornal que é a primeira vez que dá perdas, e mínimas tanto no sector como no mundo empresarial. Por último, lamentamos tamén a desaparición dos suplementos rexionais, que constituían nas comunidades autónomas de Andalucía, Galicia, País Vasco e Valencia uns referentes xornalísticos de recoñecida traxectoria e contribuían á necesaria pluralidade informativa.

Col.legi de Periodistes de Catalunya
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
Comisión Gestora del Colegio de Andalucía