Os colexios de xornalistas de Catalunya e Galicia impulsan o Consello Xeral a nivel de Estado

O 24 de outubro de 2003, reuníronse na sede do Col.legi de Xornalistas de Catalunya, en Barcelona, sendeiras delegacións do Col.legi e do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, presididas respectivamente pola Decana do Col.legi, Montserrat Minobis, e o Decano do Colexio, Xosé María García Palmeiro.
Na sesión de traballo fixose un repaso da evolución dos proxectos de ambos os dous colexios no transcurso do último ano, desde que se reuniron en Santiago de Compostela, así como da situación global da profesión no conxunto do Estado e dos retos máis importantes que actualmente encara.

Entre moitos outros temas, falouse do proxecto de Estatuto do xornalista profesional, do Decálogo para harmonizar as prácticas externas dos alumnos das facultades de comunicación e de información, e do documento do Col.legi de Xornalistas de Catalunya "Pola reforma dos medios de comunicación públicos", ante as xa inmediatas eleccións ó Parlamento de Catalunya.

Ambos os dous Colexios acordaron:

1.- Fai un ano, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Col.legi de Xornalistas de Catalunya, no seu primeiro encontro celebrado en Santiago de Compostela, decidiron impulsar a creación dunha Federación Estatal de Colexios de Xornalistas. Nos meses transcorridos analizáronse as diversas posibilidades de coordinación e, á vista do que establece a lexislación vixente en relación a colexios profesionais, determinaron iniciar os trámites para a constitución do CONSELLO XERAL DE COLEXIOS PROFESIONAIS DE XORNALISTAS DO ESTADO ESPAÑOL e traballar, desde agora mesmo, nun proxecto de ESTATUTOS e outros aspectos organizativos.

2.- Polo que respecta á grave situación que afecta ó colectivo de traballadores e traballadoras de ANTENA 3 TV sometidos a un expediente de regulación de emprego que, entre persoal fixo e temporal, afecta a case 700 persoas e que, nestes momentos, se atopa en situación de desacordo total, ambas as dúas delegacións decidiron:

- Apoiar e solidarizarse coas reivindicacións deste colectivo, en Catalunya, Galicia e en todo o Estado Español, así como coas súas mobilizacións e accións de protesta;

- Denunciar unha situación que é consecuencia directa da política de control de grandes medios de comunicación levada a cabo polo goberno do Partido Popular e da súa descarada instrumentalización, na marxe, ademais, dos intereses dos traballadores e traballadoras;

- Denunciar como, unha vez máis, unha mala xestión empresarial coloca a un conxunto de profesionais, nalgúns casos en situación xa de precaridade laboral, nunha grave situación persoal;

- Denunciar enerxicamente os desaloxos forzosos que se levaron a cabo nalgunhas sedes de Antena 3 TV cando os traballadores e traballadoras exercían o seu libre dereito a defender o seu posto de traballo.

3.- O Col.legi e o Colexio mostran a súa preocupación polo incremento de mortes violentas, detencións e encarceramentos de xornalistas en calquera parte do mundo mentres exercen a súa función social de informar. E alertan sobre un claro estrago da liberdade de expresión en varios puntos do planeta.

4.- Ambos os dous colexios queren chamar a atención sobre a necesidade de desactivar determinadas actitudes profesionais irresponsables, -de maneira especial nos medios públicos-, que poden contribuír a fomentar situacións de enfrontamento social, cívico ou político.

5.- O Col.legi e o Colexio mostran a súa preocupación polas consecuencias das detencións, por orde xudicial, de varias persoas relacionadas co clausurado diario Egunkaria, no País Basco, e os diversos rexistros levados a cabo, entre outros, na sede do diario Berria, que o substituíu como medio escrito en euskera. Todos os detidos foron postos en liberdade baixo fianza, algúns con cargos por cuestións fiscais e outros sen cargos. En calquera caso, e sempre desde o respecto ás decisións xudiciais, ambos os dous colexios mostran a súa preocupación por como poida afectar todo este proceso ó normal desenvolvemento do único diario en lingua euskera e, polo tanto, patrimonio cultural do País Basco.