Os xornalistas dunha axencia independente iraquí deben cambiar de nome por seguridade

A nova axencia independente de noticias iraquí Aswat al-Iraq (Voces de Iraq) tivo que mudarse de sede, pois a inicial quedaba nunha zona demasiado perigosa de Bagdade, e os xornalistas deben cambiar de nome cada dous meses, por motivos de seguridade.
"Ninguén nos vai impedir seguir informando sobre o que ocorre en Iraq con obxectividade e profesionalidade", advertiu o seu director Zuhair Al-Jezairy.

Tras a caída do réxime de Sadam Husein, en 2003, comezaron a xurdir medios informativos en Iraq. Ata entón, en Iraq non existían fontes de información independentes, só a oficialista axencia nacional INA.

Os novos periódicos, radios e cadeas de TV naceron con poucos recursos, sen cadros que puidesen garantir unha cobertura completa da actualidade, e ademais tiñan necesidade de recibir información imparcial.

En outubro de 2004 naceu Aswat al-Iraq, financiada principalmente pola Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI), que achegou case un millón e medio de dólares, e que recibiu outras axudas inferiores da Unión Europea e do PNUD. A súa creación foi "un dos proxectos que máis éxito tivo no campo da comunicación en Iraq", afirma Paolo Lembo, director do PNUD no país árabe.

Al-Jezairy e Lembo asisten estes días en París á 'Conferencia internacional sobre liberdade de expresión e desenvolvemento dos medios de comunicación en Iraq', xunto cuns 150 xornalistas, parlamentarios, políticos e representantes de ONG iraquís.

O acto está organizado polo PNUD, a UNESCO e a Comisión de Comunicación e Medios (CMC) iraquí e analiza a situación dos medios de comunicación en Iraq, a seguridade dos xornalistas, a axuda internacional ós medios e a independencia editorial e rendibilidade económica.

Formación de xornalistas

Tres medios de comunicación españois -a Axencia Efe, Radio Nacional de España e o diario El País- sumaranse este ano ás tarefas de mellorar a cualificación dos profesionais da axencia, realizadas ata agora sobre todo pola Fundación Reuters.

"Necesitamos que os nosos xornalistas reciban formación para cumprir mellor a súa misión de contar o que ocorre en Iraq, seguindo o modelo do que se fai noutros países", afirmou Al-Jezairy.

Ó principio, a idea foi establecer un intercambio de noticias a través de Internet, que permitía a xornalistas e medios de comunicación iraquís publicar as súas noticias e artigos. Así, foise contratando e formando a xornalistas para traballar nun ambiente profesional e democrático, o que lles permitiu saír airosos na cobertura das eleccións de xaneiro do 2005 e do proceso constitucional, e recibir o apoio necesario para continuar.

Na actualidade, a Axencia conta con medio centenar de correspondentes en todo Iraq e servizos informativos en árabe, kurdo e inglés, coa preocupación constante de respectar a diversidade ideolóxica, étnica e relixiosa do país, obxectivo que garante un Consello de Administración formado por nove persoas.

Aswat al-Iraq elabora un servizo de noticias que reciben 50 periódicos iraquís, 14 canles de televisión e 13 emisoras de radio, por agora aberto a quen o queira consultar.

Porén, o seu labor non se desenvolve en terreo seguro. No 2006 morreron en Iraq 64 xornalistas e colaboradores dos medios de comunicación, segundo Reporteiros Sen Fronteiras.

PARÍS
EL MUNDO / EFE