Os xornalistas galegos, os que máis valoran o Colexio de Xornalistas como método de rendición de contas
Os resultados do proxecto de investigación MediaACES revela que os xornalistas galegos son os profesionais que máis confianza teñen na efectividade do Colexio de Xornalistas como método de rendición de contas, así como os que peor valoran a liberdade de expresión na súa comunidade.
O pasado 29 de novembro presentáronse en Santiago os primeiros resultados do proxecto de investigación ‘Accountability y Culturas Periodísticas en España. Impacto y propuesta de buenas prácticas en los medios de comunicación españoles’ (MediaACES), que tenta detectar as culturas xornalísticas existentes no Estado e examinar o impacto das ferramentas de rendición de contas. O proxecto realizou unha enquisa a profesionais de todo o Estado, con especial incidencia en Cataluña, Comunidade Valenciana, Madrid, País Vasco e Galicia.
Os resultados das enquisas en Galicia revelan que as e os xornalistas galegos son os que máis valoran ao Colexio de Xornalistas como método de rendición de contas con maior efectividade, salientando tamén a valoración os libros de estilo e as leis que regulan os medios. Pola contra, son os que valoran con peor nota a liberdade de expresión na súa comunidade, obtendo unicamente un 4,22 sobre 10.
Entre as cuestións que máis afectan á situación xeral do xornalismo, as e os profesionais de Galicia destacan as presións gobernamentais e a dependencia de fontes institucionais. Ademais, consideran que os medios deben publicar o código ético e dar a coñecer os seus vínculos comerciais, políticos e institucionais, ademais das axudas públicas.
A nivel estatal, os factores que se considera que afectan máis á situación do xornalismo son a retribución, a politización dos medios e as presións económicas. Como métodos de rendición de contas máis efectivos, destacan os libros de estilo, a información corporativa na web, os encontros coa audiencia, os códigos éticos e as leis que regulan o sector. Os e as xornalistas consideran que os medios deben ter un contacto accesíbel para queixas, publicar o seu código ético e dar a coñecer os seus vínculos institucionais e axudas públicas, ademais de ter en conta as correccións das noticias na web. Á hora de redactar a información, séntense responsábeis ante a súa propia conciencia, as normas éticas da profesión e as súas fontes.
O estudo contou tamén con grupos de discusión para pulsar a visión da cidadanía sobre os medios de comunicación. A grande maioría das persoas participantes consumían medios online, existindo unha certa tendencia a combinar varios, pero sen que isto supoña diversidade en termos ideolóxicos. En calquera caso, mostraron unha desconfianza cara aos medios bastante xeralizada, considerando que o xornalismo estaba en declive. O 76% das participantes nestes grupos consideran necesario render contas á audiencia, o público ou mesmo á cidadanía e o 63%, especialmente as mulleres, cren que a conciencia supón unha primeira criba para elaborar a noticia.
CPXG