Os xornalistas José Luis Navazo e Fernando Sanz, expulsados de Marrocos

Os dous xornalistas expulsados (Foto: Correo Diplomático)

José Luis Navazo e Fernando Sanz, xornalistas españois do dixital Correo Diplomático foron expulsados onte mércores de Marrocos por cubriren as protestas que se están a producir no Rif. Os informadores españois son as primeiras vítimas estranxeiras da represión contra os medios que están a cubrir a situación no norte de Marrocos.

Este mércores ás 20:00 horas, tres axentes da policía marroquí detiñan en Tetuán a José Luis Navazo, director do medio dixital Correo Diplomático, e a Fernando Sanz, delegado do xornal en Madrid e tras levalos á comisaría expulsáronos do país e prohibíronlles volver entrar a Marrocos. Aínda que non se lles deu ningunha explicación sobre os motivos da expulsión, enténdese que está relacionada coa cobertura das protestas producidas no Rif nos últimos meses, que o medio viña cubrindo en profundidade.

Os dous españois son os primeiros xornalistas estranxeiros en seren expulsados de Marrocos por este motivo, mais a represión na zona xa limitou a liberdade de expresión dos medios locais. Polo menos oito xornalistas marroquís foron detidos por cubrir as protestas, algo contra o que protestou o Sindicato Nacional da Prensa Marroquí. O mais coñecido dos detidos é Hamid el Mahdaui, director do sitio web Badil.info, que foi condenado a tres meses de cárcere por "incitar" á población a manifestarse.

Distintas asociacións profesionais xa se posicionaron en contra da expulsión de Navazo e Sanz, como a Federación de Asociaciones de Periodistas de España, a Asociación de la Prensa de Valladolid (da que é secretario xeral Fernando Sanz) e Reporteiros sen Fronteiras.

CPXG