Pablo Varela gaña o XXX Xosé Aurelio Carracedo de xornalismo

Pablo Varela, xornalista de La Voz de Galicia, vén de gañar o XXX Premio Xosé Aurelio Carracedo de xornalismo, convocado pola Deputación de Ourense, por unha serie de reportaxes sobre o rural galego. O xurado contou coa participación de Javier Fraiz en representación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

O xurado do o XXX Premio Xosé Aurelio Carracedo de xornalismo, que convoca anualmente a Deputación de Ourense, reuniuse onte por vía telemática, devido á actual crise sanitaria e decidiu outorgar o galardón deste ano a Pablo Varela, xornalista de La Voz de Galicia en Ourense, por unha serie de reportaxes nas que salienta "a perspectiva positiva e sensíbel que o xornalista ofrece do rural, promovendo as oportunidades que ofrece e facendo protagonistas do seu relato ás xentes anónimas que viven no medio rural".

O xurado, presidido pola deputada provincial de Cultura, Patricia Torres, estivo formado por Xosé Ramón Pousa Estévez, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela; Xosé Manuel Baamonde Silva, decano da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación de Pontevedra; Luis Menéndez Villalba, en representación da Federación de Asociacións de Xornalistas de España (FAPE), e Javier Fraiz en representación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, actuando como secretario o asesor de Comunicación da Deputación de Ourense, Fernando R. Méndez.

O premio, que está dotado con 3.000 euros e diploma, non se entregará este 3 de maio, como foi habitual nas anteriores convocatorias, por causa da crise sanitaria da COVID-19.

CPXG