Palestra virtual sobre o tratamento do colectivo LGTBQI+ nos medios de comunicación

A Deputación da Coruña organizou, dentro da campaña  'Liberdade de Ser e Sentir!', unha conversa virtual sobre o tratamento informativo da comunidade LGTBQI+, na que participou a tesoureira do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Ángela F. Casal, xunto a Daniela Ferrández e Bárbara G. Vilariño

Con motivo da celebración do Día da Diversidade Sexual o vindeiro 28 de xuño, a Deputación da Coruña está a promover unha campaña de sensibilización baixo o lema 'Liberdade de Ser e Sentir!', na que se encadran unha serie de palestras sobre temática vencellada ao colectivo LGTBQI+. Nos distintos encontros virtuais, especialistas e activistas falan das liberdades do colectivo nas áreas de deporte, infancia e adolescencia, medios de comunicación e literatura.

A tesoureira do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Ángela F. Casal, participou na mesa redonda adicada ao tratamento informativo da diversidade sexual, que se publicou onte. Xunto a ela, participan tamen a coordinadora do blog Corpos Incómodos, Daniela Ferrández, e a xornalista e coordinadora do club de lectura Queeruña, Bárbara G. Vilariño, que conduciu o debate.

Casal afirmou que "por desgraza, segue habendo moitos estereotipos, moito tratamento non real e moita linguaxe non ben utilizada" arredor das persoas LGTBQI+, pero destacou tamén que "nas redaccións se está notando a nova xeración de xornalistas, xente que vén cunha concienciación de visibilizar o colectivo". Para axudar a "rachar cos estereotipos e mellorar o tratamento informativo da diversidade sexual, recomendou o uso da contido sobre Comunidade LGTBQI da Guía de linguaxe inclusiva realizada polo alumnado da Facultade de Comunicación da USC coa cordinación do profesor José Casas e a colaboración co Colexio de Xornalistas.

Estas palestras forman parte da campaña "Liberdade de ser e sentir" da Deputación da Coruña, formada por accións están dirixidas a xerar na sociedade valores como a tolerancia e a igualdade das persoas gais, lesbianas, bisexuais, transexuais, queer e intersexuais. No programa inclúense tamén o contacontos infantil "Planeta LGTB", a cargo de Felipe Díaz; a difusión da serie web S.E.X, que trata temas como a sexualidade, corpos, desexos ou relacións íntimas; e o concurso nas redes sociais Balcóns da diversidade.

Podes ver o vídeo completo aquí

CPXG