Pilar Cancela nos Almorzos On/Off: “Nin me descarto nin me propoño, hai que respectar os prazos”

Pilar Cancela no Almorzo On/Off da Coruña

A presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, asegurou hoxe nos Almorzos On/Off do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia na Coruña que as primarias da formación non serán antes de setembro e que o congreso será a mediados ou finais de outubro, en aplicación dos estatutos do partido.

"Nin me descarto nin me propoño, hai que respectar os prazos", dixo preguntada sobre a súa intención de optar á secretaria xeral do PSdeG. Cancela indicou que prevé a presentación de máis dun candidato.

Sobre a enquisa difundida hoxe pola Cadena SER, que sinala un crecemento do PSOE, Cancela sinalou que esa tendencia se confirme no futuro e aspira a que se vexa ao seu partido como o referente da esquerda. 

Cancela asegurou que lle tería gustado que desde os dirixentes do PSdeG na provincia de Pontevedra se mantivera noutros momentos, como os comicios autonómicos de Galicia, o silencio que gardan tras a elección de Pedro Sánchez como secretario xeral.
 
Almorzos ON/OFF

Os 'Almorzos On/Off' lévanse realizando dende febreiro de 2005, organizados polo CPXG en varias das súas demarcacións. Estes encontros cos xornalistas pretenden fomentar o diálogo e a análise da actualidade cos seus protagonistas.

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega. 

CPXG