Pilar Cancela, presidenta da xestora do PSdeG, o luns 12 nos Almorzos On-Off da Coruña

Pilar Cancela, presidenta da xestora do PSdeG

Pilar Cancela, presidenta da xestora do PSdeG, será a convidada o vindeiro luns 12 de xuño nos Almorzos On-Off da Coruña. O encontro vai ter lugar a partir das 10:00 horas na Sede de Afundación (Cantón Grande, 8).

A demarcación da Coruña do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) organiza este acto que dará comezo ás 10:00 horas co 'OFF' para colexiados, para dar paso despois ao 'ON', a rolda de prensa de libre acceso, ás 10:45. Os medios gráficos poderán tomar imaxes, non audio, antes, durante, e tras o almorzo, e tamén durante a rolda de prensa.

Por motivos de organización, para poder asistir ao 'OFF' para colexiados é imprescindible inscribirse enviando un mail a xornalistas@xornalistas.gal ou chamando ó 981 93 56 70. Aforo limitado.

Pilar Cancela

Nada en Stuttgart en 1967, Pilar Cancela Rodríguez é filla de emigrantes galegos e viviu na súa infancia e mocidade entre Alemaña e Venezuela. Estudou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e desde 1993 é funcionaria de carreira da Xunta de Galicia. Foi responsable do Servizo Xurídico e de Solución de Conflitos do Consello Galego de Relacións Laborais e directora xeral de Relacións Laborais (en 2003 e novamente en 2005).

En 2013 foi elixida secretaria de Organización do Partido dos Socialistas de Galicia e desde o 18 de marzo do 2016, tras a dimisión de José Ramón Gómez Besteiro, encabeza a comisión xestora do mesmo. Desde as eleccións xerais de 2015, nas que foi cabeza de lista da candidatura do PSOE pola provincia da Coruña, é deputada no Congreso, onde exerce de presidenta da Comisión de Igualdade e de presidenta da Subcomisión Pacto de Estado en materia de Violencia de Xénero.

Almorzos ON/OFF

Os 'Almorzos On/Off' lévanse realizando dende febreiro de 2005, organizados polo CPXG en varias das súas demarcacións. Estes encontros cos xornalistas pretenden fomentar o diálogo e a análise da actualidade cos seus protagonistas. O pasado 1 de xuño retomouse a actividade na demarcación da Coruña cun almorzo con Luís Villares.

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.

A Coruña, 7 de xuño de 2017

Demarcación da Coruña
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia