Por qué piden ‘técnicos’ se queren xornalistas?

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia chama a atención sobre o aumento de ofertas de traballo ou directamente de empregos nos que se solicita ou se cubre un posto de "técnico en comunicación", cando en realidade o que se require ou se dá é un posto de xornalista.
E isto é máis grave cando son as institucións públicas as que o fan, ben para axeitar o posto ao perfil do previamente escollido, ben por suxeición a equilibrios de poder e intereses alleos ás necesidades que se pretenden satisfacer.

Concello de Ourense

Un exemplo é a polémica sobre a contratación para o gabinete de prensa da alcaldía de Ourense da filla dun edil do grupo de goberno. Independentemente da valoración ética ou política sobre se o seu parentesco impide ou non contratala como cargo de confianza, chama a atención que non se poña en cuestión a idoneidade profesional desa persoa para formar parte dun gabinete de prensa. A súa formación académica como licenciada en Dereito, Publicidade e Relacións Públicas, e a súa experiencia como directora de campaña do PSOE seguramente a acreditan para labores de publicidade e relacións públicas, pero ese tipo de traballo non é o que debe desempeñar un gabinete de prensa, por moito que se adubíe co de "técnico en comunicación". Non todos os traballadores que integran unha oficina de prensa teñen por que ser xornalistas, pero si desde logo os titulados superiores.

Universidade de Santiago

Outro caso é o da propia Universidade de Santiago, que a comezos do verán convocou un "proceso de selección para a elaboración unha listaxe de espera para a categoría profesional de xornalista" para "atender as posibles necesidades que xurdan no Gabinete de Comunicacións". Nel constaba como requisito "estar en posesión do título de grao, doutor, licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalentes", e a titulación específica de xornalismo estaba valorada unicamente como mérito. O CPXG denunciou á Reitoría da USC a contradicción de impartir os graos de Xornalismo (a maiores, a única en Galicia) e Comunicación Audiovisual e non considerar estas titulacións como requisito para o acceso a listaxe de espera para prazas do seu propio gabinete de comunicación na categoría profesional de xornalista. Ou sexa, non valorar a formación que imparte como requisito para o seu propio corpo laboral.

A contestación do Reitor indicaba que na Relación de Postos de Traballo da USC o posto de xornalista está definido sen requisito de titulación ningunha. Despois de precisar que "en España, para o desempeño da profesión de xornalista, non se precisa unha titulación específica", a resposta do rector considera que "a USC imparte moitas outras titulacións, pero iso non lle dá dereito a facer prevalecer unhas titulacións sobre as outras ao seu arbitrio".
A Xunta de Goberno do CPXG entende que as institucións públicas son precisamente quen máis se deben esmerar en dotarse dos medios necesarios para garantir a calidade da información que elaboran, e tamén asegurar un trato profesional cos representantes dos medios.

Xunta de Goberno
Colexio de Xornalistas de Galicia