Presentado o 'Plan de Prevención do Suicidio en Galicia', con propostas para os medios de comunicación
A Xunta de Galicia presentou esta mañá no salón de actos do Edificio Administrativo do Sergas o Plan de Prevención do Suicidio en Galicia. O documento, en cuxo grupo de traballo participou o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, inclúe os medios de comunicación como un dos piares para a prevención do suicidio.
O plan foi presentado polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, o Xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, o Subdirector Xeral de Planificación e Programación Asistencial, Alfonso Alonso Fachado, e a Xefa do Servizo de Saúde Mental e Asistencia a Drogodependencias do Sergas, María Tajes Alonso. Os obxectivos do documento son reducir a taxa de suicidio e o estabelecer mecanismos de coordinación para posibilitar que diferentes organismos poidan sumar os seus esforzos para traballar conxuntamente na prevención, manexo, intervención e acompañamento das persoas que levan a cabo un intento de suicidio, así como dos seus familiares. Galicia é a segunda comunidade autónoma en dispoñer dun documento destas características, despois de Valencia, que presentou o seu plan o pasado mes de maio.
Xaime Leiro Darriba, representante territorial en Santiago do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, foi un dos participantes do grupo de traballo do Plan de Prevención do Suicidio en Galicia, e entre as medidas propostas polo plan existen varias dirixidas aos medios e os profesionais da comunicación. Tamén participaron no documento os pacientes e as súas familias (representados a través da Federación de Asociacións de familiares e persoas con enfermidade mental en Galicia), a Consellería de Política Social e o Instituto de Medicina Legal de Galicia, ademais de numerosos revisores externos.
Na actuación sobre o xornalismo, contémplase a edición dunha guía de estilo sobre conduta suicida para medios de comunicación, para contribuír a evitar descricións detalladas das condutas suicidas, evitar o sensacionalismo, utilizar unha linguaxe responsable ou informar o público en xeral sobre o suicidio, os tratamentos e os recursos dispoñibles para quen necesite axuda. Do mesmo xeito, proponse impartir obradoiros para xornalistas sobre o tratamento informativo da conduta suicida.
Ademais, insístese na necesidade de elaborar protocolos e instrumentos de coordinación dos medios co sistema sanitario, o ámbito educativo, o ámbito social, a administración de xustiza e as forzas e corpos de seguridade, para acadar a resposta global e integral que require a prevención do suicidio. Por último, outra das medidas propostas é supervisar e alertar sobre contidos prosuicidas en webs, blogs e foros.
Máis información na web da Xunta de Galicia.
CPXG