Preséntanse os resultados do estudo sobre a eficacia da rendición de contas dos medios en Galicia

O proxecto de investigación‘Accountability y Culturas Periodísticas en España. Impacto y propuesta de buenas prácticas en los medios de comunicación españoles’ (MediaACES) presenta os primeiros resultados da súa investigación no seminario Medios responsables e cidadáns críticos. Eficacia e aceptación da rendición de contas en Galicia, que se celebrará o vindeiro xoves 29 de novembro ás 12:00 na Aula da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. A presentación contará coa presenza de Xosé Manuel Pereiro, vicedecano do Colexio de Xornalistas. 

Co obxectivo de detectar as culturas xornalísticas existentes en distintos territorios de España así como examinar o impacto das ferramentas de rendición de contas ou media accountability systems, o proxecto MediaACES realizou unha enquisa a profesionais de Galicia, Madrid, Cataluña e de Euskadi, principalmente, para poder coñecer de primeira man as súas opinións. Ademais, nesta primeira fase da investigación, o proxecto procurou coñecer as impresións que os cidadáns teñen sobre a rendición de contas dos medios a través de focus groups, grupos de discusión realizados tamén nos distintos territorios da mostra. 
 
Marcel Mauri, da Universitat Pompeu Fabra, e Marta Pérez Pereiro, da Universidade de Santiago, darán a coñecer os datos extraídos, que servirán para abrir un coloquio cos asistentes. Dirixido a profesionais e estudantes, o seminario busca xerar un debate cos xornalistas galegos para contrastar estes resultados e recabar as súas impresións sobre a súa propia cultura xornalística. Na enquisa realizada, a percepción dos xornalistas galegos é unha das máis negativas do Estado. 
 
Este seminario celebrarase tamén no resto de sedes das distintas universidades participantes na  investigación: Universitat Pompeu Fabra, Universidad Internacional de La Rioja, Mondragon Universitatea, Universitat Jaume I e a Universidad de Sevilla. 
 
CPXG