Preséntase a Declaración de Cádiz para reclamar maior compromiso público coa transparencia

O III Congreso Internacional de Transparencia péchase coa sinatura da Declaración de Cádiz, na que unha trintena de entidades reclaman á administración compromiso coa transparencia e os órganos de garantía. 

Con motivo da celebración do III Congreso Internacional de Transparencia, e co fin de conmemorar o Día Internacional do Dereito a Saber o pasado 28 de setembro deuse a coñecer a Declaración de Cádiz, un documento elaborado por máis de trinta entidades, organizadas na Rede de Consellos e Comisionados de Transparencia, que reclama aos poderes públicos un “compromiso decidido na implantación e éxito da nova cultura da transparencia”.

A declaración lembra que a Lei de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno "sentou as bases dun novo modelo de gobernanza pública en España" e que unha das "pezas clave" deste novo modelo "é a creación de órganos de garantía de natureza independente", un camiño que se comezou hai tres anos coa creación do Consello de Transparencia e Bo Goberno e cos comisionados das comunidades autónomas como a Comisión de Transparencia de Galicia

Porén, tamén salientan os problemas aos que se enfronta a transparencia, fundamentalemte "a falta de recursos económicos e, en consecuencia, materiais e personais" destes órganos de garantía. Por todo iso, reclaman das institucións un "apoio explícito" á transparencia, a consagración do dereito de acceso como dereito fundamental, a dotación de medios suficientes para os órganos de garantía, o desenvolvemento efectivo da potestade sancionadora, melloras no procedemento de acceso e na concreción dos límites e a unificación dos réximes de acceso, "desenvolvendo unha xestión documental e de arquivos moderna que sirva como vehículo de todos estes cambios".

CPXG