Presenza galega nos Premios Ondas

A 65ª edición dos Premios Ondas, cuxos gañadores foron anunciados este mércores, ten sabor galego e entronca coa última edición dos Premio José Couso de Liberdade de Prensa, con premios a El Gabinete, a sección do programa Julia en la Onda de Julia Otero e Fariña, a serie baseada no libro homónimo de Nacho Carretero. 

Este mércores foron anunciados en Barcelona os gañadores da 65ª edición dos Premios Ondas, os galardóns máis antigo da radio e televisión en España, outorgados cada ano pola Cadena Ser. Entre os premiados deste 2018 hai protagonismo galego e conexións co Premio José Couso deste mesmo ano.

Así, El Gabinete, a sección do programa Julia en la Onda, dirixido pola gañadora do Premio Couso 2018, Julia Otero, foi galardoado co Premio Ondas Nacional de Radio á mellor programación especial por ser un espazo onde se "fomenta a participación dos ouvintes e o uso da palabra como vehículo de conversación cívica e ferramenta, á que vixiar con humor e autocrítica". El Gabinete comparte este premio coa sección La Unidad de Vigilancia de Isaías Lafuente, en La Ventana da Cadena Ser.

Ademais, no apartado de mellor serie española de televisión, a premiada foi Fariña, de Antena 3, da que o xurado destaca que "puxo de acordo a críticos e audiencias no seu retrato histórico sobre a emerxencia da cultura da droga nos anos 80", ademais de sustentarse "sobre unhas magníficas interpretacións e lograda ambientación". A serie está baseada no libro homónimo do xornalista coruñés Nacho Carretero, que precisamente foi finalista da última edición do Premio Couso. 

Entre o resto dos galardoados cos Premios Ondas 2018 encontranse algúns como Jordi Basté, premio ao mellor presentador de radio; La vida moderna, mellor programa de radio; Tomás Fernández Flores, premio á traxectoria na radio; Radio Gaga, premio ao mellor programa de actualidade na TV; Sandra Sabatés, mellor presentadora; ou Las tres muertes de mi padre, mellor podcast. Nos premios internacionais destaca o premio especial á radio colombiana, personificada nas canles Radio Caracol y RCN,

Os Premios Ondas entregaranse o vindeiro mércores 14 de novembro no Gran Teatre del Liceu de Barcelona, regresando á capital catalá logo de que o ano pasado se trasladaran a Sevilla.

CPXG