Previr os suicidios tamén desde o xornalismo

Na celebración do Día Mundial para a Prevención do Suicidio, o Colexio de Xornalistas lembra a necesidade de colaborar desde o xornalismo, con información responsábel, na prevención deste grave problema de saúde pública. Neste sentido, chámase a seguir as recomendacións da Guía práctica para o tratamento informativo dos suicidios incluída nas Recomendacións profesionais sobre información e sufrimento humano InformaDor.

O 10 de setembro é o día fixado pola Asociación Internacional para a Prevención do Suicidio, en colaboración coa Organización Mundial da Saúde e a Federación Mundial da Saúde Mental, para a celebración do Día Mundial para a Prevención do Suicidio. A data, fixada desde o 2003, quere concienciar sobre a posibilidade de previr os suicidios, fornecendo ferramentas e accións en todo o mundo para facilitalo. Este ano, o Día para a Prevención do Suicidio convócase baixo o lema Traballando xuntos para a prevención do suicidio

O suicidio é unha das 20 principais causas de morte a nivel mundial para persoas de todas as idades, provocando unha morte cada 40 segundos. No caso galego, aínda que o 2018 representou o ano con menos mortes por suicidio desde que existen rexistros, 288 persoas faleceron por esta causa no ano pasado. Entre as medidas  propostas polo Plan de Prevención do Suicidio en Galicia existen varias dirixidas aos medios e os profesionais da comunicación, como a a edición dunha guía de estilo sobre conduta suicida para medios de comunicación, obradoiros para xornalistas ou a elaboración de protocolos e instrumentos de coordinación dos medios co sistema sanitario, o ámbito educativo, o ámbito social, a administración de xustiza e as forzas e corpos de seguridade. 

Como problema grave de saúde pública, os medios de comunicación teñen a obriga de ofrecer información responsable sobre os suicidios que, na realidade, se abordan en contadas ocasións (cando a vítima é unha personaxe notoria) ou faise vinculándoos a outro asunto ou circunstancia social (violencia de xénero, desahucios, etc.). Cómpre falar, desde o xornalismo, da prevención do suicidio ou dos medios e saídas dispoñibles para evitar esa morte, así como da atención aos afectados. Para informar deste tema dunha maneira responsábel sobre esta temática, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia recomenda seguir a Guía práctica para o tratamento informativo dos suicidios incluída nas Recomendacións profesionais sobre información e sufrimento humano InformaDor.

CPXG