Recomendacións sobre como desenvolver unha conferencia de prensa mentres persista a alarma sanitaria

Como consecuencia das dúbidas que poida haber ligadas ao exercicio da profesión durante a desescalada e, en particular, sobre a convocatoria de conferencias de prensa, o CPXG quere trasladar aos seus colexiados e colexiadas, así como a institucións e partidos, as seguintes recomendacións.

  1. En primeiro lugar, mentres dure a alerta sanitaria aconsellamos que as conferencias de prensa sexan telemáticas. Agás nos casos imprescindíbeis, recomendamos as conferencias de prensa virtuais a través de calquera das plataformas existentes, facilitando aos e ás xornalistas a posibilidade de preguntar e repreguntar.

  2. No suposto de que a convocatoria teña que ser imprescindibelmente presencial, desde a nosa perspectiva deberán terse en conta as seguintes consideracións:

    • a) Distancia de seguridade. As e os xornalistas asistentes deberán manter unha distancia de seguridade entre si e tamén cos convocantes. Para manter esa distancia de seguridade será necesario establecer un aforo máximo. Neste sentido, desaconsellamos os canutazos dada a imposibilidade de manter a distancia de seguridade.

    • b) Hixiene e desinfección. Cadeiras, mesas, pomos, pasamáns e todas aquelas superficies de uso común deberán estar desinfectadas conforme á normativa para centros de traballo. A este respecto, cómpre engadir que as comparecencias deberán realizarse en espacios  suficientemente grandes como para permitir o mantemento das distancias de seguridade.

    • c) Dispositivos. Deberá evitarse a proximidade entre quen comparece e os dispositivos de grabación, sendo aconsellábeis os sistemas de son de mesa con conectores individuais para cada xornalista.

  3. Debemos lembrar que corresponde ás empresas proporcionaren ás súas e aos seus profesionais os medios necesarios para realizar estas coberturas coas debidas garantías, tanto no centro de traballo como fóra destas dependencias. Do mesmo xeito, corresponde ás institucións e entidades convocantes garantir as medidas de seguridade e saúde laboral obrigatorias. 

No caso de se detectaren incumprimentos das normas básicas de protección sanitaria, pregamos aos e ás xornalistas que o poñan en coñecemento do Colexio de Xornalistas, para que se poidan tomar as medidas oportunas que garantan a seguridade e a saúde do conxunto da profesión.

CPXG