Recupérase no Congreso a elección por consenso do presidente da RTVE

O paso definitivo da reforma da lei da RTVE polo Congreso este xoves recupera o modelo para a elección do presidente da Corporación aprovado en xuño. Deste xeito, o presidente terá que ser escollido por dous terzos do Parlamento nunha primeira votación ou, na segunda, por maioría absoluta mais co apoio da metade dos grupos parlamentarios.  

O pasado 22 de xuño, o Congreso dos Deputados aprobaba, co apoio de todos os grupos parlamentarios, que a elección do presidente de Radiotelevisión Española (RTVE) se realizara por consenso. A elección do presidente volvería requerir o apoio de dous terzos do Parlamento e de non conseguirse, nunha segunda votación os candidatos poderían ser designados por maioría absoluta, pero coa condición de que a súa candidatura fora proposta por polo menos a metade dos grupos parlamentarios. A medida significaba unha volta á necesidade do consenso logo de que no 2012 o goberno do PP cambiara o sistema de elección polo da maioría simple. e foi saudada con entusiasmo. Mesmo se pediu aplicala tamén aos presidentes das televisións autonómicas, algo que foi rexeitado polos principais partidos.

O mércores 13 de setembro, a reforma da elección do presidente da RTVE era sometida a votación polo pleno do Senado. Mais unha enmenda do Grupo Parlamentario Popular, que ten maioría na Cámara Alta, modificou os requisitos para a segunda votación, de maneira que se requeriran tres quintos da cámara, sen ningunha obriga de que a candidatura sexa proposta por máis dun grupo parlamentario. Deste xeito, a elección na segunda votación podería facerse cun acordo entre os dous grupos maioritarios. Desde o Partido Popular asegúrase que a modificación é froito dun acordo co PSOE, mais os socialistas negaron tal acordo e mostraron o seu desacordo coa medida votando absténdose na votación da enmenda, algo que tamén fixeron o PPdeCAT e ERC. En contra votaron Unidos Podemos, Bildu, Ciudadanos e un senador socialista. Contodo, a enmenda saiu adiante cos votos do PP, UPN, PNV e os nacionalistas canarios.

Este xoves 21 a reforma da Lei da Radiotelevisión Española superaba o seu trámite definitivo no Congreso dos deputados. Finalmente, a cámara baixa, grazas a un acordo entre PSOE, Podemos e Ciudadanos, recuperouse o sistema inicial de elección do presidente aprovado polo Congreso en xuño. Deste xeito, na segunda votación requerirase unha maioría absoluta e o apoio de cando menos a metade dos grupos parlamentarios. O resto dos cambios incorporados na tramitación no Senado foron ratificados polo Congreso e quedarán recollidos na Lei que publique o BOE.

CPXG

Relacionada: Volta atrás na elección por consenso do presidente da Radiotelevisión Española.