Reporteiros sen Fronteiras denuncia un requirimento insensato e arcaico

O 8 de xaneiro de 2007 o fiscal do Rei requiriu unha pena de tres a cinco anos de cárcere, así como a prohibición de exercer e unha multa, para Driss Ksikès, director de publicación do semanario en lingua árabe Nichane, e a xornalista Sanaa Elaji. Tamén reclamou o peche definitivo do periódico.
"Sentímonos consternados por tan insensato requirimento. Non queremos nin pensar en que o tribunal poida asumir as posturas arcaicas e ultrarrepesivas do fiscal. A xustiza marroquí xa adoptou unha decisión medieval cando prohibiu escribir durante dez anos ó xornalista Alí Lmrabet. Non nos atrevemos a imaxinar que a cousa poida repetirse con Nichane. Manifestamente existe un abismo entre as declaracións das autoridades, que presumen dun Marrocos moderno e democrático, e a realidade a que teñen que enfrontarse os xornalistas. Unha realidade marcada por procesos expeditivos e graves condenas, que cada día poñen en peor situación á prensa independente", declarou Reporteiros sen Fronteiras.

Contactado pola organización, Driss Ksikes mostrouse sorprendido pola gravidade da petición. "Mentres que se nos está a xulgar de acordo co código de prensa, o fiscal pide que se nos prohíba exercer, o que só está contemplado no código penal", engadiu o director de Nichane.

Driss Ksikes e Sanaa Elaji están acusados de "atentado á relixión islámica" e "publicación e distribución de escritos contrarios ó moral e os costumes", como consecuencia da publicación, na edición do 9-15 de decembro de 2006, dun dossier titulado 'Bromas: como se rin os marroquís da relixión, o sexo e a política'. O 21 de decembro, o Primeiro Ministro Driss Jettou prohibiu a difusión do semanario e ordenou que o retirasen dos quiosques.

A multa requirida polo fiscal de Casablanca podería elevarse ata 100.000 dirhams (8.950 euros).

A sentenza encóntrase en fase de deliberación ata o 15 de xaneiro.

MARROCOS
RSF