Restrinxen a cobertura na investiruda de Daniel Ortega

A cobertura informativa da investidura presidencial de Daniel Ortega en Nicaragua quedará restrinxida por un forte dispositivo policial que impedirá ós xornalistas desprazarse e tomar posicións de forma independente o próximo 10 de xaneiro, xa que deberán permanecer concentrados e desprazarse en transportes controlados polas forzas de seguridade.
Segundo informa Ary Pantoja no periódico dixital elnuevodiario.com, argumentando razóns de seguridade, a Policía Nacional restrinxirá á súa mínima expresión a cobertura xornalística ós actos de transmisión de mando o próximo dez de xaneiro. Ningún xornalista poderá mobilizarse por conta propia, e deberán "reconcentrarse" nas instalacións de Plaza El Sol desde a unha da tarde dese día.

A Policía disporá do transporte dos homes e mulleres de prensa, quen serán trasladados por axentes da orde en dous autobuses desde a sede policial ata a Plaza de los No Alineados 'Omar Torrijos'.

Posteriormente ó acto de investidura do presidente electo, Daniel Ortega, os xornalistas serán levados de novo pola Policía para a Plaza La Fe 'Juan Pablo II', para dar cobertura ó acto popular.

Baixo ningunha circunstancia un xornalista nacional ou estranxeiro poderá chegar ós actos pola súa conta, pois non se lle dará acceso ós lugares destinados para a cobertura. Nin sequera poderán utilizar os seus vehículos.

Despois do acto na Plaza La Fe, os homes e mulleres de prensa que teñan interese en dar cobertura ó saúdo protocolario que o presidente Ortega dará ás delegacións no Centro de Convencións 'Olof Palme', tamén serán transportados pola Policía.

Nunha reunión cos medios de prensa nacionais e correspondentes estranxeiros, o portavoz da Chancelería, Óscar García, e o designado pola Policía para "atender ós xornalistas", subcomisionado Domingo Cedeño, xustificaron estas medidas argumentando que se debe garantir a integridade física dos trece mandatarios que confirmaron a súa asistencia á toma de posesión de Ortega.

Extraoficialmente coñécese que polo menos 600 xornalistas nacionais e estranxeiros están acreditados para cubrir o evento, polo que serán trasladados por partidas nos dous autobuses.

A Chancelería habilitou as oficinas do Instituto de Telecomunicacións e Correos (Telcor) como centro de prensa, onde se disporá de 50 computadoras con acceso a Internet para os 600 xornalistas.

Preto da Plaza de los No Alineados, os reporteiros terán acceso a cinco liñas telefónicas para chamadas nacionais e tres para chamadas internacionais. Óscar García informou de que non se puido conseguir máis liñas.

Durante o saúdo oficial do presidente Ortega, no Centro de Convencións 'Olof Palme', xa para entón sede da Presidencia, só se permitirá a cobertura gráfica. Esta actividade está suxeita ás mesmas medidas de seguridade que as dúas anteriores, é dicir, que os camarógrafos e fotógrafos serán trasladados pola Policía.

NICARAGUA
PERIODISTAS-ES