Reunión da Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas en Barcelona

Asistentes á reunión da Rede de Colexios en Barcelona

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas reuniuse esta fin de semana en Barcelona para avanzar na creación do Consello Xeral de Colexios de Xornalistas. Os nove colexios que forman parte da Rede expuxeron os principais retos, prioridades e liñas de traballo de cada un, coa intención de acordar obxectivos e actuacións comúns.

O encontro serviu para avaliar os primeiros meses de funcionamento da Rede, constituída formalmente en xuño deste ano. Todos coincidiron no valor que achegou este espazo colaborativo que permitiu compartir ideas e servizos en favor da profesión e a defensa dos valores do xornalismo, así como a unidade de acción coa que se traballou.
 
Parte da xornada dedicouse a debater como debe ser a transformación da Rede en Consello Xeral e as xestións para realizar para levala a cabo. A Rede de Colexios empezou a traballar nun borrador de Estatutos do Consello Xeral.  Os Colexios expresan a súa confianza en que todos os partidos con representación parlamentaria apoien a proposición de lei para a creación do Consello que recentemente se presentou no Congresos dos Deputados.
 
Tamén se dedicou unha sesión para tratar sobre a precariedade laboral do sector, a non gobernamentalización dos medios públicos e a igualdade de xénero nos medios de comunicación. Sobre este debate inicial abriuse un período de traballo que culminará cun posicionamento conxunto sobre cada unha destas materias.
 
O presidente do  Consell de la Informació de Catalunya, Roger Jiménez, participou na Xornada expoñendo a tarefa que realiza este órgano de arbitraxe, creado en 1997, que vela polo cumprimento do código deontolóxico do Col·legi de  Periodistes de Catalunya.
 
A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas constituíuse o 14 de xuño de 2018, representa a máis de 7.000 colexiados e colexiadas e está formada polos colexios de Andalucía, Asturias, Cataluña, Castela e León, Galicia, A Rioxa, Murcia, Navarra e o País Vasco.
 
REDE DE COLEXIOS PROFESIONAIS DE XORNALISTAS