Rexeitan extender o modelo de consenso para o presidente da RTVE ás televisións autonómicas

O Congreso dos Deputados aprobou por unanimidade un sistema de elección para que o presidente da RTVE conte sempre con consenso. O sistema, porén, non se vai extender ás televisións autonómicas, malia a que organizacións como a FeSP reclaman un cambio neste sentido. 

O pasado 22 de xuño, o Congreso dos Deputados aprobaba, co apoio de todos os grupos parlamentarios, que a elección do presidente de Radiotelevisión Española (RTVE) se realice por consenso. Así, a elección do presidente volve requerir o apoio de dous terzos do Parlamento. De non conseguirse, nunha segunda votación os candidatos poderán ser designados por maioría absoluta, pero coa condición de que a súa candidatura fora proposta por polo menos a metade dos grupos parlamentarios. A medida significa unha volta á necesidade do consenso logo de que no 2012 o goberno do PP cambiara o sistema de elección polo da maioría simple. 

Con todo, o consenso implantado na televisión pública estatal parece que non se vai extender ás televisións autonómicas, dado que os catro partidos maioritarios rexeitaron, con distintos matices, que o modelo sexa exportábel. Pola súa banda, a Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP) fixo un chamamento aos partidos políticos para que promovan nos parlamentos autonómicos "as iniciativas necesarias para que todos os presidentes ou presidentas dos medios de comunicación públicos sexan escollidos mediante un concurso público, entre persoas de recoñecida cualificación e experiencia profesional e non pola súa afinidade política co partido de cada goberno".

No caso da Corporación de Radiotelevisión de Galicia, a Lei dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia aprobada en novembro do 2011 estabelece que a elección do director se realizará por maioría de dous terzos do Parlamento Galego. No caso de non se acadar esta maioría nunha primeira votación, na segunda votación chegará a maioría dos tres quintos do pleno. Con todo, unha modificación da lei de acompañamiento dos orzamentos permitiu seguir no cargo a Alfonso Sánchez Izquierdo até a aplicación do mandato marco, aprobado a finais do 2015, e até agora non se escolleu a ningún director xeral polo sistema previsto na lei. Desde o Colexio de Xornalistas tense reclamado en repetidas ocasións o cumprimento deste e outros aspectos pendentes da Lei de Medios Públicos.

CPXG