A Rede de Colexios de Xornalistas insta de novo ao Ministerio de Educación a modificar a normativa que impide aos xornalistas acceder á docencia

A Rede de Colexios de Xornalistas reiterou ao Ministerio de Educación e Formación Profesional e ás consellerías do ramo a demanda de que se recoñeza a titulación en Xornalismo e os seus equivalentes como válidas para impartir a docencia das asignaturas de Lingua e Literatura e a de Lingua Estranxeira, como se viña realizando desde o ano 1995 para os centros concertados e privados antes de que no ano 2010 o Real Decreto 860/2010, que tivo a súa continuidade no Real Decreto 665/2015, modificase a situación.

Desde a Rede insístese nesta petición contra unha decisión que cerna a estes licenciados e egresados a posibilidade de tomar este camiño profesional, e que é especialmente incoherente no actual contexto educativo provocado pola crise do coronavirus Covid-19, que provocou que se estean esgotando as bolsas extraordinarias de profesionais do ensino pola elevada demanda de profesores deste curso.

Nas actuais circunstancias, nas que se pon de evidencia de novo esta discriminación á que están sometidos os titulados en Xornalismo e os seus equivalentes, os colexios profesionais de xornalistas de España insisten na necesidade de que se modifique dunha vez a normativa estatal básica e se faculte aos licenciados/egresados en Xornalismo (ou equivalente), co MAES ou CAP e a certificación en idioma estranxeiro que se requira, para dar clases nas asignaturas de Lingua e Literatura e Lingua Estranxeira nos centros concertados e privados.

Do mesmo xeito, reclámase aos gobernos autonómicos que adapten as bolsas extraordinarias de acceso á educación pública, de forma que se recoñeza a titulación en Xornalismo (ou equivalente) como vía de acceso ás bolsas extraordinarias na Educación Pública, e que estes profesionais poidan optar á interinidade que puntúa de cara ás posteriores ofertas de emprego público.

Esta reclamación para que as titulacións en Xornalismo, Comunicación Audiovisual, Ciencias da Información (Sección de Xornalismo e/ou Sección de Ciencias da Imaxe Visual e Auditiva) volvan ser recoñecidas como facultativas para impartir clases de lingua e literatura e lingua estranxeira en todo o territorio nacional xa se fixo chegar con anterioridade ás autoridades competentes e aos diferentes grupos parlamentarios.

De feito, no seu momento xa se presentaron alegacións tanto ás normativas autonómicas que regulan as bolsas extraordinarias nalgunhas comunidades como ao proxecto de reforma educativa estatal.

Ademais, esta reclamación conta co apoio da Asociación de Universidades con Titulaciones de Información e Comunicación (ATIC).

Non en balde, a situación segue xerando indefensión para moitos destes profesionais, inestabilidade laboral e incerteza; e non xa só sobre o presente e futuro laboral destes licenciados ou graduados, senón que ata pode chegar a cuestionarse a validez das titulacións en ESO e Bacharelato que se emitiron e certificado polo Ministerio nos territorios onde non se observou a normativa durante todos estes anos.

Desde a Rede de Colexios de Xornalistas púxose de relevo que esta petición non pode chegar nun momento máis oportuno, xa que á necesidade de docentes que está a pór en evidencia a crise do Covid-19, súmase que nestes momentos o Goberno central está inmerso na reforma da lei de Educación que suporá a derrogación da Lomce, e é máis que procedente que no cadro desta tramitación de calado poida revertirse esta inxusta decisión.

A Rede recorda que as universidades públicas e privadas seguen a permitir aos titulados en Xornalismo obter o Mestrado en Educación Secundaria (MAES), o Mestrado Universitario de Profesorado (MFP) ou o curso de capacitación pedagóxica (CAP) co obxectivo de impartiren aulas de Lingua Española e Literatura ou Linguas Estranxeiras coa pertinente acreditación en Educación Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional en centros concertados e privados.

Por este motivo, recalca que estes profesionais están plenamente facultados para poder exerceren como docentes, unha saída profesional en auxe na profesión e na que xa moitos imparten clases con bos resultados.

A Rede tamén resaltou que o Consello Escolar Estatal emitiu en 2015 un informe no que recomendaba expresamente incluír os titulados en xornalismo entre os profesionais docentes facultados para impartiren aulas de lingua e literatura, que non se tivo en conta.

Tamén deixou claro que a carga de créditos de lingua, e a presenza forte dos departamentos de lingüística ou filoloxía nas titulacións de xornalismo, avalan os coñecementos que o xornalista adquire na materia e que xunto co MAES ou o CAP deberían facultalo para dar aulas. Sen esquecer que se trata dunha formación que prepara especial e especiíficamente para encarar uns ensinos nos que cada vez tienen máis importancia aspectos como a expresión oral e o uso da lingua en contextos comunicativos, ou a competencia mediática, que todos os expertos en Educación reclaman que teña unha maior presenza no currículo educativo das etapas obrigatorias.

REDE DE COLEXIOS PROFESIONAIS DE XORNALISTAS

La Red de Colegios de Periodistas insta de nuevo al Ministerio de Educación a modificar la normativa que impide a los periodistas acceder a la docencia