Rosa María Calaf e José Luis Rodríguez-Arias Palomo participan este martes na Xornada Informa_Dor organizada polo CPXG e o COPG

Rosa María Calaf e José Luis Rodríguez-Arias Palomo participarán na Xornada Información e Sufrimento Humano Informa_Dor que se celebra este martes 3 de outubro no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación en Santiago de Compostela a partir das 10:00 horas. Na xornada, organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, presentaranse tamén as Recomendacións profesionais sobre información e sufrimento humano redactadas polos dous órganos colexiais.

Trala inauguración a cargo de María Rosa Álvarez Prada, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), e Francisco González Sarria, decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), a xornada acollerá presentación dos documentos elaborados polo grupo de traballo conxunto de ambos os dous colexios, con recomendacións para a cobertura de informacións sobre emerxencias, saúde mental, suicidio, violencia machista e menores. Estas recomendacións estarán disponíbeis en breve nas webs dos dous colexios e serán distribuirán polas redaccións dos medios de comunicación. 

A partir das 11:30 terá lugar a mesa redonda Información e sufrimento humano, coa participación da xornalista Rosa María Calaf, premio José Couso de Liberdade de Prensa 2009, e o psicólogo José Luis Rodríguez-Arias Palomo. A mesa estará moderada por Xabier Macias Virgós, do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, e Rocio Lizcano González, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Esta actividade forma parte do traballo conxunto iniciado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Ambas as dúas institucións unen esforzos nunha iniciativa inspirada polo compromiso social, convencidos de que o compromiso ético das nosas intervencións profesionais é básico, especialmente cando tratamos con feitos ou procesos que colocan os seus e as súas protagonistas en situación de vulnerabilidade.

Para asistir ao acto, é necesaria a inscrición a través do correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal. No documento anexo pode consultarse o programa completo.

CPXG