RSF pide manter a presión na investigación do asasinato de Anna Politkovskaya

Este 15 de xaneiro Reporteiros Sen Fronteiras (RSF) rendiu homenaxe á xornalista Anna Politkovskaya na chaira da catedral de Notre-Dame, en París, cando se cumpren cen días do seu asasinato. Ó pé da estatua de Carlomagno expuxéronse un retrato e un cártel, creado en memoria súa polo humorista gráfico español Armando Salas, e acendéronse veas en sinal de recollemento.
Lembrárona e referíronse á actualidade da súa loita personalidades políticas e intelectuais, próximas a Anna Politkovskaya.

André Glucksmann lembrou que a xornalista formaba parte dunha tradición de contestación dos abusos de poder da elite rusa. "A quen se preocupaba por ela, respondíalles que non sería nin a primeira a quen o poder esmagase, nin a última en resistir", engadiu.

Bernard Henri Lévy subliñou a responsabilidade do poder –ó que acusou de facer naufragar das fráxiles liberdades rusas- no incremento dun clima de violencia e impunidade en Rusia.

En relación a iso, Robert Ménard, secretario xeral de RSF, lembrou que a organización recorreu ó Consello de Estado, para pedir que se lle retiren ó Presidente ruso as insignias da Gran Cruz da Lexión de Honra.

Da investigación da morte de Anna en Rusia encárgase o fiscal xeral, Yuri Tchaika. Aínda que hai un centenar de homes traballando nela, non se filtrou case nada acerca dos resultados da investigación. Para evitar que este caso se sufoque, é importante manter a mobilización, e a concentración foi unha ocasión para reafirmar ata que punto é crucial que se coñeza a verdade neste crime.

O ministro francés de Asuntos Exteriores, Philippe Douste-Blazy, fixo saber que se ocupará de "lembrar ás autoridades rusas desexo de que as súas investigacións cheguen rapidamente a conclusións, e que saiban que se recorreu sobre a cuestión a organizacións internacionais, como a OSCE e o Consello de Europa".

RSF reafirmou que manterá a vixilancia e a mobilización, sexa cal sexa o tempo que tarden en investigar o asasinato de Anna Politkovskaya. Entre outras cousas, a Organización continuará coas súas actuacións, para alertar á sociedade sobre a situación da prensa en Rusia onde, desde a chegada ó poder de Vladimir Putin, o 26 de marzo de 2000, asasinaron a 21 xornalistas por motivos profesionais.

RUSIA
PERIODISTAS-ES / RSF
Elsa Vidal