RSF retrata como os "oligarcas" acaban coa liberdade de información

Algúns dos "oligarcas" analizados no informe de Reporteiros sen Fronteiras (Foto: RSF)

Reporteiros Sen Fronteiras (RSF) publica un novo relatorio, no que denuncia o papel dos "oligarcas" que utilizan o control dos medios para os seus intereses económicos. Esta situación, destrutiva para a liberdade de información, acontece "mesmo nas democracias consideradas máis abertas".

Reporteiros Sen Fronteiras vén de publicar o seu novo relatorio Medios de comunicación: los oligarcas se van de compras,  no que denuncia como o diñeiro e os seus intereses enfróntanse ao xornalismo e a liberdade de expresión. En paralelo, lanza unha campaña de comunicación, en asociación coa axencia BETC, titulada "Así acaban os oligarcas coa liberdade de información".

O informe identifica como principais oligarcas a Jeff Bezos (fundador e director de Amazon), Patrick Drahi (xefe do grupo Altice), Vincent Bolloré (presidente e director xeral do grupo que leva o seu nome), Delian Peevski (propietario de Bulgartabak e de varias empresas distribuidoras de medios), Naguib Sawiris (presidente do consello de administración de Orascom), Ferit Şahenk (cabeza do Dogus Group e o home máis rico de Turquía), Yıldırım Demirören (lider do grupo homónimo, propietario do xornal Milliyet), Konstantin Malofeïev (fundador de Marshall Capital), Jack Ma (director do grupo Alibaba), Li Yanhong (xerente de Baidu), Anil e Mukesh Ambani (directivos de Reliance Industries) e Rupert Murdoch (accionista maioritario de Newscorp). 

Reporteiros sen Fronteiras asegura que "oligarcas" como eles "non mercan medios de comunicación co fin de aumentar o pluralismo senón para ampliar o seu campo de influencia ou o dos seus amigos. Estes casos de conflitos de intereses, que acontecen "mesmo nas democracias consideradas máis abertas", son analizados detalladamente pola organización neste relatorio.

CPXG