Santiago súmase á segunda edición de Xornalismo na Escola
Este martes 21 de marzo e o xoves 23, os IES Eduardo Pondal e Xelmírez I, de Santiago de Compostela, súmanse a segunda edición de Xornalismo na Escola, una iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social “la Caixa” que ten por obxecto impartir obradoiros entre os escolares de 3º e 4º da ESO nos institutos de ensino secundario de Galicia.
Cos talleres en Santiago de Compostela continúa o desenvolvemento desta segunda edición de Xornalismo na Escola, que se iniciou o pasado dous de marzo no IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía.
O obxectivo dos obradoiros é tratar de inculcar na xuventude o espírito crítico ante a información e as novas nos medios de comunicación offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e as vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou tamén o que pode supór para á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.
O proxecto de Xornalismo na Escola, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, é posible grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa e que agora se renova e amplía cunha segunda edición máis ambiciosa. A súa primeira edición levou con grande éxito máis de sesenta talleres de comunicación a case corenta puntos da xeografía galega. Lugares como Arteixo, Arzúa, O Barco, Barro, Cambre, Monforte, Muros, Negreira, Sada ou Salvaterra foron algunhas das localidades ata as que chegaron os obradoiros.
A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar tamén esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.
CPXG