Se es estudante de comunicación, podes colexiarte gratis no CPXG

O alumnado das Facultades de Ciencias da Comunicación e a Información que teña superado máis da metade dos créditos pode colexiarse sen custo no Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG). Deste xeito, poden implicarse na defensa da profesión e gozar das vantaxes da colexiación de forma gratuíta. 

Coa campaña Coléxiate! os estudantes poderán aproveitar todas as vantaxes de estar colexiado, como estar ao día de todo o que acontece na profesión, contar con asesoría xurídica de balde, gozar de descontos e tarifas especiais en numerosos productos e servizos (hoteis, museos, transportes, cines, librarías...) ou seguir os cursos de formación.

Para poder acceder á colexiación a través desta vía, é preciso ter a metade dos créditos superados. Desta forma, a inscrición como membro do CPXG sería gratuíta, non tendo que realizar o pagamento dos dereitos de colexiación, en concepto de xestión e tramitación, que se efectúa no momento de formalizar a entrada no Colexio. Tamén quedan exentos de abonaren as cotas semestrais mentres figuren como colexiados e colexiadas estudantes.

O período máximo para estar colexiado como estudante é de dous anos. A colexiación pode realizarse a través da páxina web do Colexio. Para calquera dúbida, pódese contactar co Colexio de Xornalistas na sede de Santiago de Compostela (Rúa Ponferrada, 9, baixo), no teléfono 981 935 670 ou por correo electrónico escribindo para xornalistas@xornalistas.gal, así como a través do Facebook e do Twitter.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha entidade de dereito público, creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro polo Parlamento de Galicia, que ten a representación legal de todos os xornalistas galegos. Actualmente conta con máis de 1.100 colexiados/as repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo).

CPXG