Segue aberto o prazo de inscrición na xornada sobre desinformación do 28 de novembro

Continúa aberto o prazo para apuntarse á xornada Desinformación e ameazas á liberdade de expresión: Retos do xornalismo ante a irrupción dos extremismos, que o Colexio de Xornalistas organiza o vindeiro xoves 28 de novembro no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC (Avenida de Castelao, s/n), en horario de 9:00 a 19:30. A inscrición na xornada, que é gratuíta, pódese facer a través do seguinte formulario

A xornada vai contar coa presenza de Paolo Berizzi, Marta Peirano e Edith Rodríguez, que ofrecerán cadansúa conferencia. Ademais, realizaranse tres mesas redondas con xornalistas (Fernando Varela, de infoLibre; Virginia P. Alonso, de Público; María Obelleiro, de Sermos Galiza Nós Diario; Xosé Hermida de El País; Xurxo Salgado, de Galicia Confidencial, e David Lombao, de Praza Pública), responsables de verificación e fact-checking (Marilín Gonzalo, de Newtral.es; César Peña, de Verifica RTVE; Patricia R. Blanco, do blog ‘Hechos’ de El País, e Eli Vivas, de Verificat) e representantes do ámbito académico (Alexandre López-Borrull, da Universitat Oberta de Catalunya; Raúl Magallón Rosa, da Universidad Carlos III de Madrid; Dolors Palau-Sampio, da Universitat de València; e Edita de Lorenzo, da Universidade de Vigo e o COETG).

Este acto tenta dar resposta á aparición de diferentes fenómenos que aumentan o peso da desinformación no panorama mediático. A proliferación de bulos e noticias falsas non é un fenómeno novo, mais o xornalismo ten a obriga de reflexionar sobre a súa expansión e de reformular as ferramentas para combatela. A xornada Desinformación e ameazas á liberdade de expresión: Retos do xornalismo ante a irrupción dos extremismosconta para isto coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación. 

Máis información sobre a xornada aquí ou consultando ao Colexio de Xornalistas no correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal, no teléfono 981 93 56 70, ou na súa sede na Rúa Ponferrada, 9, baixo, de Santiago de Compostela.

CPXG