Soben a catorce as cabeceiras inscritas no rexistro de medios dixitais galegos NRede
O rexistro NRede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia continúa a incluír novas cabeceiras interesadas en garantir o seu traballo xornalístico co selo de Medio Dixital Galego. Coas novas incorporacións, son xa catorce os medios acreditados, e a inscrición continúa aberta para todos os dixitais interesados a través da páxina web do Colexio.
Nos últimos meses, novas cabeceiras foron sumándose a NRede, o Rexistro de Medios Dixitais Galegos posto en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia para recoñecer os medios de comunicación con criterios xornalísticos que existen no eido dixital da nosa comunidade. O medio de xornalismo científico e divulgación GCiencia, o espazo de comunicación sobre gastronomía, turismo e hostelaría La Alacena Roja e o dixital local Xornal de Bueu foron os últimos en acadar o selo que garante que a súa información é froito dun traballo profesional e que respecta a deontoloxía do xornalismo, nunha mostra que dá conta do variado do ecosistema mediático dixital galego.
Coa inclusión destes medios elévanse a catorce os acreditados coa inclusión no rexistro de NRede, ao sumárense a Galicia Confidencial, Galiciapress, GCDiario, Lugo Xornal, Mundiario, Pontevedra Viva, Praza Pública, Tempos Dixital, Xornal da Mariña, Xornal de Lemos e Xornal de Vigo. Todos eles cumpren cos requisitos de desenvolverse principalmente na contorna dixital, cubrir información de interese xeral mediante contidos propios actualizados periodicamente, estar ao corrente das obrigas con Facenda e a Seguridade Social e ter no cadro de persoal ou na organización empresarial cando menos unha persoa licenciada ou graduada en Xornalismo ou colexiada no CPXG. O listado actualizado dos medios certificados por NRede está dispoñíbel na páxina do Colexio de Xornalistas.
Como inscribirse en NRede
Os medios que soliciten formar parte de NRede e cumpran os requisitos serán recoñecidos co selo de Medio Dixital Galego, que poderán visibilizar nas súas páxinas web de cara a se identificar como un espazo de comunicación con contidos xornalísticos, así como para facilitar a súa acreditación ou acceso a axudas públicas. O Colexio rexistraraos nun listado de libre acceso para consulta da cidadanía e solicitará á Xunta de Galicia a súa inclusión na Guía da Comunicación editada pola administración autonómica.
Os medios interesados poden solicitar a inscrición en NRede a través da páxina web do Colexio. Para calquera dúbida sobre a solicitude de inscrición en NRede, pódese contactar co Colexio de Xornalistas no correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670.
CPXG