Solicitan a exclusión clara do xornalismo do regulamento europeo contra a difusión de contidos terroristas

A Federación Europea de Xornalistas e outras organizacións do ámbito da comunicación piden á presidencia alemá do Consello da Unión Europea que exclúa claramente os contidos xornalísticos e editoriais da proposta de regulamento sobre la prevención da difusión de contidos terroristas en liña, dado que consideran que coa redacción dos borradores que se fixeron públicos esta norma afectaría á liberdade de prensa no continente.

proposta de regulamento sobre la prevención da difusión de contidos terroristas en liña europea atópase na actualidade na fase final previa á súa aprobación, coas conversas tripartitas entre o Consello de Ministros, o Parlamento Europeo e a Comisión Europea. Os últimos borradores publicados deste regulamento provocaron a preocupación de numerosas organizacións do mundo da comunicación, como a Federación Europea de Xornalistas, a Asociación Europea de Editores de Xornais, a Asociación Europea de Revistas e o Consello Europeo de Editores, que consideran que se se aproba con esa redacción irá en detrimento da liberdade de prensa en Europa. 

En concreto, estas organizacións denuncian que o xornalismo só está eximido da norma de forma difusa e discrecional, que a definición do que é xornalismo depende excesivamente da decisión do goberno ou dunha plataforma determinada, que o concepto de libre expresión é anulado ao considerar o regulamento a información como potencialmente ilegal até que se avalía como lexítima e que a definición de contido terrorista é demasiado ampla e interfere cos dereitos fundamentais de expresión e información. 

Por todo isto, as devanditas organizacións enviaron esta semana unha carta á presidencia alemá do Consello da Unión Europea reclamando que o regulamento exclúa claramente os contidos xornalísticos e editoriais, de xeito que se garanta de maneira suficiente a protección das liberdades de prensa. 

CPXG