Ubaldo Cerqueiro: "Non ten sentido saber máis de Madrid ou Washington que do concello do lado"

Ubaldo Cerqueiro dirixe desde 2007 Que pasa na Costa, un micromedio dixital que se converteu nun punto de encontro na rede da Costa da Morte. Cerqueiro reivindica a importancia da información local e comarcal, tamén na pandemia, e destaca os problemas para a conciliación coa vida familiar como un dos maiores atrancos que informadores e informadoras tiveron que afrontar desde o mes de marzo.

–Como abordades a información da pandemia nun medio pequeno e comarcal como Que pasa na Costa?

Xa en marzo entendimos que había que ter moita precaución co que se publicaba. Cando se coñeceu o primeiro caso positivo en Fisterra viuse a parte máis fea da sociedade, mesmo con insultos pola rúa á familia da persoa contaxiada. Aí xa nos saltou a alarma e vimos que había que tratar o tema con moitísimo coidado. Paralelamente, os medios embarcáronse nunha carreira por dar antes que ninguén os seguintes positivos e os primeiros mortos, algúns con máis ética e prudencia e outros con menos. Acabamos decidindo facer unha ou dúas análises semanais da evolución da pandemia para non saturar. A atención de todos está na pandemia e de feito en QPC triplicamos as visitas no confinamento, pero a propia xente nos di que temos que falar tamén doutras cousas.

–Como valoras o traballo informativo que están facendo os medios?

Non me gustou case nada, nin eu mesmo me gustei ás veces. Na lectura dos medios houbo demasiado morbo e tremendismo; ás veces parece que a nosa información é mellor cantos máis mortos deamos. Creo que non nos paramos a ver a parte humana de todo isto. O outro día ocorreu un episodio terrible en Cee: de tres persoas contaxiadas de covid que compartían vivenda, tiveron que ingresar a dúas. Quedou soa a persoa de máis idade, en moi malas condicións, e acabou tirada na rúa. É só un exemplo da deshumanización á que está chegando a sociedade. Historias que só podes saber se estás moi cerca, porque hai veciños que cho contan. 

Accede á entrevista completa para colexiados e colexiadas aquí