Un estudo alerta da dependencia dos medios galegos do modelo de subvencións, axudas e convenios coa administración

O traballo Contexto mediático en Andalucía, Cataluña, Galicia, Madrid, País Vasco y Valencia, do grupo de investigación MediaACES, destaca unha "gran dependencia económica dos medios galegos dos poderes públicos", o que "impide falar de independencia política".

O grupo de investigación MediaACES, liderado por Ruth Rodríguez Martínez e Marcel Mauri de los Ríos (da Universitat Pompeu Fabra) e formado por investigadores de sete universidades distintas, vén de publicar o primeiro estudo do proxecto Accountability e Culturas Xornalísticas en España. Impacto e proposta de boas prácticas nos medios de comunicación españois. A publicación, titulada Contexto mediático en Andalucía, Cataluña, Galicia, Madrid, País Vasco y Valencia, analiza o impacto dos instrumentos de rendición de contas ou media accountability systems en cada un destes territorios, baixo a hipótese de que o Estado non responde a un único modelo de sistema de medios.

No caso galego, o estudo foi realizado por Marta Pérez Pereiro, da Universidade de Santiago de Compostela, e o traballo destaca que existe unha "gran dependencia económica" dos medios galegos das axudas institucionais, o que "dificulta seriamente a pluralidade da prensa impresa galega". Esta dependencia económica, segundo a investigadora, "impide falar de independencia política", cunha falta de autonomía que, no caso dos medios públicos "percíbese desde o control sobre os profesionais á configuración da axenda informativa ou a cobertura dos acontecementos" e, no caso dos privados "funciona como un modo de controlar a liberdade informativa".

Precisamente nos últimos días veñen de se producir dúas noticias que cuestionan o modelo de investimento público nos medios de comunicación. A primeira é a aprobación por parte do Goberno central do Plan de Comunicación e Publicidade Institucional para o ano 2017, que prevé unha inversión de 70,2 millóns de euros. O elevado protagonismo que ten neste plan a prensa escrita, que leva o 53% das campañas informativas, e o reparto das mesmas provocou críticas sobre o reparto desta publicidade. Por outra banda, o Tribunal Superior de Xustiza de Castela e León vén de confirmar unha sentenza contra a discriminación na publicidade institucional. A Deputación Provincial de León terá que indemnizar con 160.676,78 euros á editora de ileon.com por tela excluído do reparto de publicidade.

CPXG