Un xornalista asasinado en Mosul e outro encontrado morto en Bagdade

Reporteiros Sen Fronteiras (RSF) manifesta o seu horror polo atentado letal que, o 12 de xaneiro de 2007, sufriu o xornalista independente Khoudr Youns al-Obaidi en Mosul (Norte). O asasinato produciuse oito días despois de que aparecese en Bagdade o corpo de Ahmed Hadi Naji, de 28 anos, camarógrafo ocasional da axencia Associated Press, desaparecido o 30 de decembro de 2006.
Estes dous falecementos elevan a 141 o número de xornalistas e colaboradores de medios de comunicación mortos no país, desde a invasión norteamericana de marzo de 2003.

Enviamos o noso máis sentido pésame ás familias de Khoudr Youns al-Obaidi e Ahmed Hadi Naji, cuxa morte inaugura tristemente o ano 2007 para a profesión. Desgraciadamente temémonos que, nun contexto de guerra e impunidade total, nos próximos meses Iraq seguirá sendo o país máis mortífero para a prensa. Unha vez máis exhortamos ás autoridades iraquís a que aclaren completamente estes asasinatos porque, en caso contrario, a persistencia da impunidade marcará a continuación da hecatombe.

A policía anunciou que, na noite do 12 de xaneiro, uns individuos armados abriron lume sobre Khoudr al-Obaidi, cando chegaba ó seu domicilio de Mosul. O xornalista, que colaboraba con varios medios, traballaba sobre todo o Al-Diwan, o órgano de prensa das tribos locais. De momento non se deu a coñecer ningún móbil.

Ahmed Hadi Naji, desaparecido o 30 de decembro de 2006 en Bagdade, cando acudía á sede de Associated Press, que o empregaba como recadeiro e ocasionalmente como camarógrafo, apareceu o 5 de xaneiro nunha morgue da capital iraquí, morto dun disparo na cabeza. O colaborador da axencia de prensa tiña nenos xemelgos de catro meses. Tampouco neste caso se estableceron as circunstancias, nin as causas do asasinato.

IRAQ
PERIODISTAS-ES
Hajar Smouni