Unha nova campaña con bloques electorais

Urna electoral nunhas eleccións locais (Foto: Davidpar)

As eleccións ao Parlamento de Galicia que se celebran este 25 de setembro cubriranse unha vez máis baixo o criterio dos bloques electorais, unha práctica que ten recibido numerosas críticas na profesión por impór criterios de emisión de propaganda sobre o interese informativo e o traballo dos profesionais.

O vindeiro domingo 25 de setembro celébranse Eleccións ao Parlamento de Galicia. Como en anteriores comicios, entre os criterios observados para a elaboracións dos planos de cobertura dos medios públicos encóntrase que "a duración das informacións dedicadas a cada formación política deben axustarse proporcionalmente aos resultados obtidos nas últimas eleccións autonómicas". É o que se coñece habitualmente como "bloques electorais". 

Neste caso, e seguindo as instrucións da Xunta Electoral Central 4/2011 e 1/2015, os planos inclúen a En Marea e Ciudadanos como "partidos significativos" de cara á cobertura informativa, malia non se teren presentado (con esa denominación) aos anteriores comicios autonómicos. Esta decisión non estivo exenta de polémica, provocando a queixa de Compromiso por Galicia por consideraren que o seu "peso institucional" esixe unha presenza maior na cobertura informativa. 

A imposición de bloques electorais nos medios públicos vén sendo criticada desde o conxunto da profesión xornalística por impór criterios políticos onde deberan primar os criterios profesionais e a liberdade de prensa. Todo isto en aras dunha suposta equidade que non sempre se garante: a propia OSCE cualificou a finais do ano pasado de "pouco equitativa" a cobertura informativa das eleccións en España. Os medios públicos cataláns mostraron nas eleccións xerais do 26 de xuño que existen outros camiños, realizando unha cobertura de campaña sen bloques que non foi recorrida por ningún grupo político e foi destacada pola súa pluralidade polo Consell de l'Audiovisual de Catalunya. 

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia tense posicionado en repetidas ocasións contra a imposición de bloques electorais, a última delas na misiva enviada a pasada semana aos candidatos dos principais partidos á presidencia de Galicia. Nesta, lembra que "a información non pode estar sometida ós criterios de emisión de propaganda electoral que determine a Xunta Electoral" e advirte que "quen debe velar polo carácter democrático e plural da información teñen que ser organismos independentes de defensa do dereito á información, como son os Consellos Superiores do Audiovisual".

CPXG