Xa en marcha MediaMapa.gal e Punto e Volta, proxectos premiados coa Bolsa 'Nacho Mirás'

Ao longo deste mes de febreiro puxéronse en andamento os dous proxectos premiados coa Bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC: MediaMapa.gal e Punto e Volta.

MediaMapa.Gal procura construír unha cartografía do conxunto dos medios de comunicación en Galicia. O elemento principal do sitio é un mapa interactivo onde os usuarios poden localizar todos os medios activos en Galicia, ver as súas características básicas e acceder de xeito directo a eles. Ademais, o mapa é un espazo aberto no que calquera usuario é quen de introducir novas iniciativas mediáticas. MediaMapa.Gal, promovido por Cruz Negreira, recolle os datos de máis de 150 medios de todo o territorio galego.

Punto e volta, pola súa banda, é un proxecto audiovisual dividido en dúas seccións. A primeira é a das entrevistas, divididas en vídeos curtos clasificados por temáticas, que intentan dar resposta a distintos interrogantes como a evolución da cadea de transmisión da cultura popular galega, os cambios experimentados na ensinanza da música e do baile tradicionais, os roles de xénero no baile ou a traxectoria vital das persoas entrevistadas. A segunda é a das pezas e bailes coas que estas persoas axudaron a enriquecer o proxecto. Punto e Volta é unha iniciativa das xornalistas Olaia Tubío, Alejandro Gándara, Raquel Pérez e David Fontán. 

A bolsa ‘Nacho Mirás’ para novos titulados apoia proxectos xornalísticos de novos titulados en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. Leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos novos xornalistas, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador.

CPXG