Xa están dispoñíbeis na plataforma de formación os webinars sobre intelixencia artificial
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia vén de disponibilizar as gravacións da serie de webinars O impacto da intelixencia artificial no xornalismo: Riscos e oportunidades, organizados como complemento á xornada homónima do pasado 7 de abril. As colexiadas e colexiados poden acceder aos cursos entrando coas súas claves na plataforma de formación online. Estes webinars contan co patrocinio da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia e a colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e o Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia.
Esta actividade busca responder á situación causada no xornalismo pola irrupción da intelixencia artificial (IA) no mundo da comunicación, que presenta grandes potencialidades como ferramenta ao tempo que suscita numerosas dubidas éticas e legais e ameazas como a posíbel substitución das e dos profesionais por máquinas ou a produción en masa de desinformación. O programa de formación componse de catro webinars independentes e complementarios entre si:
- O criterio profesional fronte á IA: traducir, revisar, verificar.
Impartido por Diego Vázquez, socio fundador e director de imaxin|software.
Presentado por Nereida Rodríguez Fernández, doutora en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións pola Universidade da Coruña.
- A relación entre o Dereito e IA. Aspectos prácticos.
Impartido por Sergio Aramburu Guillán, avogado e secretario técnico do Consello da Avogacía Galega.
Presentado por Alba Silva Rodríguez, vicedecana da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.
- A IA: revolución na comunicación no ámbito das organizacións.
Impartido por Alberto Garnil, presidente do Cluster da Comunicación de Galicia e membro da Xunta Directiva de Creatividade Galega.
Presentado por Valeria Pereiras Reza, membro da Xunta de Goberno do CPXG.
- Ferramentas de comunicación.
Impartido por Mónica López Golán, doutora en Comunicación e Industrias Creativas pola USC, e Patricia Comesaña Comesaña, doutora pola Universidade de Vigo e profesora investigadora na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña.
Presentado por David Lombao Rodríguez, membro da Xunta de Goberno do CPXG.
O acceso á gravación dos cursos é libre e gratuíto e realizarase a través da plataforma de formación do Colexio de Xornalistas. As colexiadas ou colexiados poden acceder introducindo o seu nome de usuario e contrasinal para acceder á intranet. Se aínda non o tes, ou esquecíchelo, podes solicitalo no teléfono 981 935 670 ou en xornalistas@xornalistas.gal.
CPXG