Xiana Cid: "O virus foi a escusa perfecta para evitar a búsqueda activa de fontes ou imaxes"

Xiana Cid traballa como redactora no xornal La Región en Ourense, onde foi asumindo a información relacionada coa pandemia xunto con Lara Blanco e integrando o "equipo covid" do periódico.

–Que papel asume o xornalista durante a pandemia? Estamos a cumprilo?

O noso papel non mudou no nivel máis básico, informar da realidade dende o maior abano posible de puntos de vista. Pero a pandemia puxo de manifesto a nosa importancia: interpretar os datos, achegar o coñecemento sanitario e científico que se vai tendo do virus, explicar o impacto nas moitas esferas da vida cotiá, nos sectores económicos… Fálase de infoxicación dende a irrupción da covid, é certo, pero nós deberiamos ser a voz autorizada nesa mistura de novas e fake news, e non sempre se conseguiu (perdimos a parte dos lectores que prefiren informarse a través de Facebook ou do WhatsApp). Por outra banda, o discurso oficial marca demasiado (creo eu) a axenda dos medios dende o inicio da pandemia, algo que colisiona directamente coa idea de ofrecer unha ampla variedade de puntos de vista.

–Onde crees que fraqueou o tratamento informativo nos medios galegos durante a pandemia?

Gran parte das nosas informacións partiron das mesmas fontes oficiais, o que empobreceu notablemente o discurso. Os titulares, as fotos, as fontes… todas foron as mesmas. Esta situación, que entendo que non lle gusta a ningún xornalista, mantívose dende o inicio da pandemia, e aínda permanece en moitos casos. O virus é a escusa perfecta para non deixar que entremos aos lugares e busquemos nós activamente as fontes ou as imaxes, e quizais non nos temos queixado o suficiente.

"Nós deberiamos ser a voz autorizada nesa mistura de novas e fake news, e non sempre se conseguiu"

 

–Que atrancos atopaches? 

Recordo que os primeiros días era unha auténtica odisea saber o número de positivos detectados na provincia ourensá. Non había unha canle oficial, polo que perdías gran parte da xornada laboral chamando a distintas portas, a ver cal che podía contar algo. Neses días, sentímonos moi sós. É certo que co paso das semanas o panorama mudou e o propio Sergas, en Ourense polo menos, informaba diariamente dos positivos, dos hospitalizados, das probas realizadas. Pero tamén é certo que ata que a Consellería decidiu facer unha web aberta (en outubro), cada área sanitaria dependía, case en exclusiva, do gabinete de comunicación respectivo. Nós, en Ourense, tiñamos un parte diario, pero en outras áreas non era así. Outra das principais dificultades é que non se nos permite, dende antes da pandemia, entrar en centros sanitarios, polo que a gran maioría de informacións prepáranse por teléfono, unicamente. É certo que se vai abrindo, pero de xeito moi medido e moi controlado. A isto se lle engade o reto de aprender a manexar os datos e as palabras para falar da enfermidade: os contaxios diarios, os casos activos, as altas epidemiolóxicas, as vacinas, os efectos secundarios...

–Que dilemas ou dúbidas se che presentaron durante o traballo? 

Ao principio non había consenso nin sobre si covid era masculino ou feminino, ou se había que poñer covid-19 ou SARS-CoV-2. Os primeiros días foron moi caóticos: cambiaban moitas cousas nunha soa tarde, polo que era difícil contruír a nova con información sólida, todo era terreo pantanoso. Co paso do tempo, a cousa foise estabilizando, pero está a carga emocional, que tes que saber equilibrar na gran parte das informacións. Non é sinxelo falar de mortes sen poder dicir moito máis que a idade da persoa e onde faleceu, porque non tes máis datos, nin a posibilidade de telos. Tamén é difícil xestionar os testemuños, tanto dixerilos ti como saber como presentarllos aos lectores sen caer no drama.

"Non é sinxelo falar de mortes sen poder dicir moito máis que a idade da persoa e onde faleceu"

 

–Sintes que está garantida a seguridade dos xornalistas durante o desenvolvemento do noso labor neste contexto Covid?

Non moito, creo que en xeral pouco temos importado, máis alá de se en Sálvame seguían indo ao plató no confinamento.

Aínda que non nos teñen deixado entrar nos centros sanitarios (os lugares con máis posibilidades de contaxiarse), temos visto nestes meses numerosos actos políticos (presentacións, mitins, inauguracións…) onde había moita máis xente da que debería, e os xornalistas tiñamos que estar alí, traballando. Por outra banda, dende as empresas téñense facilitado máscaras e guantes, pero ao saír á rúa e falar con xente (gran parte do noso traballo) non creo que teñamos moita seguridade. De feito, considero que deberiamos ser un dos colectivos “prioritarios” no proceso de vacinación: no noso traballo diariamente estamos en contacto con moitas persoas.

–No personal e profesional, que repercusión está a ter a pandemia no teu labor? 

A pandemia supuxo, nun primeiro momento, unha importante sobrecarga de traballo. Había demasiados temas dos que falar: todo cambiou, todo era novo, todo era noticiable. Naquelas primeiras semanas, traballamos moitísimo e dende a casa, o que implicaba soidade física pero mileiros de chamadas e whatsapps diarios para organizarnos. Era un caos, pero adrenalítico ao mesmo tempo, porque todo era completamente novo.

Co paso dos meses e a volta á redacción, recuperamos certa normalidade, a adrenalina baixou e a rutina instaurouse. Pero para os xornalistas que case nos dedicamos ao 100% a falar do coronavirus, o noso traballo implica non poder desconectar nunca da pandemia. As vagas, as vacinas, a curva que sube, que baixa… É unha mistura de emocións: por unha banda, sínteste seguro escribindo porque coñeces moito do tema, pero por outra, parece que repites todo o tempo a mesma historia, e moitos días fartas do tema.

"Para os xornalistas que nos dedicamos a falar do coronavirus, o noso traballo implica non poder desconectar nunca da pandemia"

 

–Informar sobre as mortalidade nas residencias é duro. Como afecta no personal?

Pensaba moito na soidade das persoas antes de falecer. Tamén nas familias cando recibían un bo día a mala nova comunicándolles o falecemento dos seus. Pensaba tamén nos traballadores e traballadoras das residencias, incapaces de chegar a todos, lidiando con algo descoñecido. Creo que foi moi inxusto, e que as administracións preferiron non meterse a investigar o que pasou en moitos desos centros.

–Levando esa carga a casa, como se supera? Porque afecta, non si?

Afecta, claro que afecta. É moi duro escoitar certas historias sobre a cara máis dura da pandemia. Nalgunhas entrevistas teño sentido desacougo, impotencia, tristeza, ganas de non querer escoitar máis… A soidade dos primeiros meses provocaba que moitos entrevistados tivesen máis ganas de contar e expresar os seus sentimentos, polo que as conversas eran moi longas. Ao colgar, ti estás aí, coa historia desa persoa na cabeza e no estómago, e non podes deixala aparcada, tes que abordala e contala mantendo a mente o máis fría posible. Non é sinxelo, e supoño que cadaquén terá a súa receita, eu tento desconectar de verdade cando non estou traballando. Non miro os datos, apenas leo nada, e intento nin falar moito do tema, aínda que sexa moi difícil evitalo.

"É moi duro escoitar certas historias sobre a cara máis dura da pandemia"

 

–Crees que informar sobre a Covid levounos a desatender outros temas informativos relevantes?

Sempre que hai un gran tema, os que non se consideran importantes (polos xefes, polos propios traballadores) tenden a quedar sen ningún espazo. Considero que certos asuntos sociais si se teñen tratado polo seu vínculo coa pandemia (comedores sociais, persoas sin fogar, paro), pero outros, os que xa normalmente están máis apartados, seguen sen tocarse (impacto da situación económica nas mulleres, violencia de xénero durante o confinamento, inestabilidade laboral femenina…). Por outra banda, temos adicado moitísimo tempo a falar de certos sectores económicos (hostalaría, turismo, comercio local), mentres que o cultural, un dos máis afectados (sobre todo en Galicia), segue sen ocupar nin o 5% da axenda diaria dos medios.

–Por último…dende a tua experiencia, recomendas algún recurso ou fonte para mellorar a información sobre a pandemia?

O meu favorito é o bioinvestigador Daniel González-Peña, porque tamén é unha persoa moi agradable e accesible que me ten botado máis dunha man para entender certos conceptos estatísticos. Tamén sigo a Luis Vázquez, médico coruñés que, ademais de compartir os datos, coméntaos como profesional sanitario. Xa a nivel oficial, recomendo os análisis a nivel España que se fan dende o Instituto Carlos III.

FRANCISCO X. GONZÁLEZ SARRIA