Xornais australianos a negro pola liberdade de expresión

A principios desta semana, os principais xornais australianos censuraron as súas portadas para denunciar os ataques á liberdade de prensa nese país. Baixo o nome "Your Right to Know" ('O teu dereito a saber'), a campaña iniciouse cos rexistros a tres xornalistas en xuño deste ano, que agora se enfrontan a penas de prisión por supostamente teren filtrado documentos secretos. 

As portadas dos principais xornais australianos apareceron este luns 21 de outubro cobertas de negro no cadro dunha campaña contra os ataques á liberdade de prensa. As cabeceiras máis importantes deste país, como The Australian, The Sydney Morning Herald ou Financial Review chegaron aos quioscos coa meirande parte das súas primeiras páxinas tachadas, e un círculo vermello que dicía "Segredo, non divulgar". 

A iniciativa, denominada "Your Right to Know" ('O teu dereito a saber') representa, segundo o The Sydney Morning Herald"unha demostración sen precedentes de unión entre competidores", e non se cinxiu só á prensa escrita. Numerosas televisións australianas emitiron anuncios que lanzaban unha pregunta aos telespectadores: “Cando o Goberno esconde a verdade, que está a encubrir?”.

A campaña púxose en marcha logo de que a Policía Federal australiana rexistrara en xuño a sede da cadena ABC en Sídney e o domicilio dunha xornalista de News Corp en Camberra. Acusados de filtrar documentos secretos, Dan Oakes e Sam Clark,  xornalistas da ABC, e Annika Smethrust, a xornalista de News Corp, enfróntanse agora a posíbeis penas de prisión por publicaren informacións sobre abusos das forzas especiais australianas en Afganistán e un suposto proxecto gobernamental para aumentar os poderes dos servizos de intelixencia.

A campanha “Your Right to Know” presenta seis esixencias “necesarias e urxentes” dos medios de comunicación, que inclúen o dereito dos medios a contestar ordes de rexistro, restricións ao secretismo por parte do Goberno, uma reforma das leis sobre a liberdade de información e exencións para os xornalistas nas leis de seguranza nacional, moi criticadas por pór trabas ao traballo dos comunicadores.

CPXG