Xornalismo na Escola debate importantes temas da actualidade co alumnado de Barro e Verín
O terrorismo, a violencia de xénero, os conflitos bélicos, a deontoloxía profesional no xornalimo, bulos, fakes ou xornalismo de investigación son algún dos temas que os xornalistas Víctor Sariego e Jesús Manuel García debatiron este luns no IES de Barro e no IES Xesús Taboada Chivite de Verín, respectivamente, con alumnos e alumnas de 3º da ESO nos talleres incluídos no programa Xornalismo na Escola, unha iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e da Obra Social "la Caixa".
Os obradoiros continúan hoxe no IES Terra de Trasancos de Narón e ao longo da semana no IES Vilalonga de Sanxenxo (mércores 20), IES A Pastoriza de Arteixo (xoves 21) e o IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras (venres 22). Nas vindeiras semanas celebraranse os últimos talleres no IES nº 1 do Carballiño (luns 25), o IES Auga de Laxe de Gondomar (xoves 28), o IES Illa de San Simón de Redondela (luns 2 de maio) e o IES Macías o Namorado de Padrón (martes 3).
Esta iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social de La Caixa ten, entre outros obxectivos, inculcar o espírito crítico ante a información da xente máis nova; explicarlles aos rapaces e rapazas o que é a mediación xornalística e por que é necesaria, e facerlles patente a diferenza entre o que é información xornalística e o que non é información xornalística.
Isto entre outras interesantes cuestións da profesión que, coa forma de obradoiros rigorosos e a súa vez, amenos e participativos, pretenden recuperar a dignidade na profesión, o entendemento e a complicidade da cidadanía (comezando por un dos colectivos máis vulnerables á merma da ausencia do dereito á información, a xuventude) descubrirlles a propia profesión a moitos deles, polo amplo descoñecemento social que existe na actualidade en torno ao sector e fomentar entre os máis novos unha actitude diferente e motivadora, ante os profundos cambios que están acontecendo no xornalismo moderno.
Transformacións profundas que precisan dunha actualización, explicación e renovación na profesión xornalística para que esta sexa partícipe, de xeito positivo, dos devanditos cambios e para que así o identifique a cidadanía.
Juan Modesto del Río, Jesús Manuel García, Olalla Liñares, Rebeca Romero, Mayte Silva e Víctor Sariego son os seis xornalistas, seleccionados en toda Galicia, encargados de impartir os obradoiros en 60 institutos da Comunidade Galega, todos eles con amplia traxectoria no sector xornalístico galego.
Cataluña, Sevilla e Madrid, son algúns lugares onde se ven celebrando talleres de similares características dende hai uns anos con gran éxito, repercusión e resultados positivos en multitude de ámbitos.
CPXG