Xornalismo na Escola debate importantes temas da actualidade co alumnado do IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía
A segunda edición de Xornalismo na Escola, iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’, quedou inaugurada onte no IES Bouza Brey de Vilagarcía.
A “posverdade”, a violencia de xénero, o terrorismo, a deontoloxía profesional no xornalismo, os bulos e fakes ou o xornalismo de investigación son algún dos temas que o xornalista Víctor Sariego debateu este xoves con máis de corenta alumnos e alumnas de 4º da ESO en dous obradoiros incluídos neste proxecto, que este ano se renova e amplía cunha segunda edición máis ambiciosa polo éxito obtido na anterior.
Xornalismo na Escola ten entre outros obxectivos o de inculcar na xuventude espírito crítico ante a información e as noticias nos medios de comunicación offline e online. O alumnado tratará tamén temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo e o que pode supór para a xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.
Estas e outras interesantes cuestións da profesión trátanse na forma de obradoiros rigorosos e, á súa vez, amenos e participativos, que pretenden recuperar a dignidade na profesión, o entendemento e a complicidade dos máis novos, aos que tamén pretenden descubrirlles a propia profesión, polo amplo descoñecemento social que existe na actualidade en torno ao sector. Do mesmo xeito, procúrase fomentar entre a xuventude unha actitude diferente e motivadora ante os profundos cambios que están a acontecer no xornalismo actual, caracterizado polo ámbito dixital e a comunicación online.
Transformacións profundas que precisan dunha actualización, explicación e renovación na profesión xornalística para que esta sexa partícipe, de xeito positivo, dos devanditos cambios e para que así o identifique a cidadanía.
Xornalismo na Escola volve á provincia de Pontevedra o luns 6 de marzo no IES Carlos Casares de Vigo. O programa levará 90 obradoiros a IES de toda Galicia, que serán impartidos por nove xornalistas seleccionados –Ángel Castro, Susana Bastón, Sara Martínez, Xosé Lois Carrión, Águeda Penedo, Lucía Alvarez, Elvira Alvarez Gayo, Ángeles Fernández e Víctor Sariego–, grazas a un convenio asinado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social de La Caixa.
CPXG