Xornalismo na Escola “la Caixa” leva ao IES Leiras Pulpeiro o primeiro de catro obradoiros que se realizarán ao longo da semana

Xornalismo na Escola "la Caixa" chega ao IES Leiras Pulpeiro este martes 15 de decembro para impartir o primeiro dunha serie de catro obradoiros da iniciativa posta en marcha polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’, que se desenvolverán no centro lugués até o venres 18.

Lugo recibe a visita este martes 15 de decembro da quinta edición de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’, o programa didáctico sobre os medios de comunicación que desenvolven o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ´la Caixa` para mostrar o xornalismo desde outro punto de vista, que regresou hai unhas semanas tras a parada obrigada pola crise sanitaria e a suspensión das aulas en marzo.  

O IES Leiras Pulpeiro acollerá este martes un obradoiro de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ entre as 11:30 e as 13:30 horas, impartido polo xornalista Xavier López Quiroga, e o mércores, xoves e venres realizaránse tamén talleres á mesma hora. Mestre ademais de xornalista, López Quiroga foi delegado de El Progreso na Ribeira Sacra e finalista nos Premios de Comunicación de Galicia. 

O alumnado do IES Leiras Pulpeiro terá a oportunidade de participar así nunha actividade que ten por obxecto familiarizar á mocidade galega co funcionamento dos medios de comunicación, para que os escolares coñezan aspectos como o papel que desempeñan os profesionais do xornalismo e que valoren a importancia de contrastar as informacións. Será un taller dinámico no que tamén se pretende fomentar na xente nova o espírito crítico e contribuír a que sexan conscientes dos riscos e as oportunidades que lles ofrecen as novas tecnoloxías de información e a comunicación.

Neste momento no que o panorama mediático está invadido pola sobreinformación e as 'fake news', os talleres incluirán un apartado sobre a Covid-19, para fornecer os estudantes con ferramentas para enfrontarse á desinformación neste tema e comprender mellor a información científica. E por suposto, respectando de maneira escrupulosa todas as medidas de seguranza.  

Xornalismo na Escola “la Caixa”

Estes obradoiros forman parte dun total de 90 que pretenden chegar a miles de rapaces e rapazas de toda a comunidade. Os seis xornalistas seleccionados tratarán de fomentar que a xuventude galega coñeza o funcionamento dos medios de comunicación, así como estimular o seu espírito crítico ante os contidos que se difunden nos distintos soportes offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou, tamén, como lle afecta á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

Este proxecto, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscolalaCaixa, naceu grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social 'la Caixa'. As catro primeiras edicións de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’ desenvolveron con grande éxito entre o 2016 e o 2019 máis de 360 talleres talleres de comunicación en numerosos puntos da xeografía galega, levando estes obradoiros a miles de alumnos e alumnas da comunidade.

A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG