Xornalismo na Escola volve este venres ao IES da Estrada Manuel García Barros

Obradoiro de Xornalismo na Escola no IES Xelmírez I de Santiago

O IES da Estrada Manuel García Barros acolle este venres 19 de maio, entre as 10:45 e as 12:25 horas, un novo obradoiro da segunda edición de “Xornalismo na Escola”, unha iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social “la Caixa” que ten por obxecto impartir obradoiros entre os escolares de 3º e 4º da ESO nos institutos de educación secundaria de Galicia.

Parte do alumnado de terceiro da ESO xa recibiron un taller desta iniciativa que se iniciou a principios de marzo no IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía. Agora, súmanse máis alumnos e alumnas do IES Manuel García Barros até chegar a un total de 75 alumnas e alumnos deste instituto que participan desta iniciativa coa que se pretende achegar os medios de comunicación aos máis novos.

O obxectivo desta iniciativa é tratar de inculcar na xuventude o espírito crítico ante a información e as noticias nos medios de comunicación offline e online. Deste xeito, os alumnos tratarán temas como os riscos e vantaxes das novas tecnoloxías de información e a comunicación (TIC), a necesidade da mediación e o contraste de fontes no xornalismo ou tamén o que pode supór para á xente nova a veracidade e o rigor xornalístico.

O proxecto de Xornalismo na Escola, que se pode seguir en twitter baixo o hashtag #XornalismoNaEscola, é posible grazas a un acordo acadado a finais de 2015 entre o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social La Caixa. A súa primeira edición levou con grande éxito máis de sesenta talleres de comunicación a case corenta puntos da xeografía galega. Lugares como Arteixo, Arzúa, O Barco, Barro, Cambre, Monforte, Muros, Negreira, Sada ou Salvaterra foron algunhas das localidades ata as que chegaron os obradoiros.
 
A Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa a outras cidades e comunidades autónomas, onde xa hai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid son algúns deses lugares onde se ven celebrando obradoiros de similares características.

CPXG