Xornalistas galegas cántanlle as corenta aos medios de comunicación pola persistencia das desigualdades
Mulleres profesionais de diferentes ámbitos, idades, condicións e funcións demandan #IgualdadeDePrensa na campaña deseñada polo Colexio de Xornalistas de Galicia para este 8 de marzo, e reivindican a súa propia voz
A iniciativa queda aberta a partir de agora á partipación de todas as que decidan sumarse ao noso hashtag. Comezámola cun grupo de mulleres que saíron arrastrando co as de espadas da palabra, e que puxeron no centro do tapete conceptos como brecha salarial, corresponsabilidade, teito de cristal, dobre xornada, discriminación ou estereotipos.
Entre as participantes hai nomes como os de Margarita Ledo -a primeira decana da Facultade de Xornalismo-, Tareixa Navaza -o primeiro rostro que nos narrou noticias en galego por televisión-, ou Ana Expósito -a xornalista de medios galegos con máis experiencia na cobertura de conflitos internacionais-; hai mulleres que dirixen medios e coordinan contidos, como Ana Pardo de Vera, Carmen Merelas, Valeria Pereiras ou María Obelleiro, e tamén moitas reporteiras a pé de rúa. Falaron mulleres que bregan en seccións que aínda están hipermasculinizadas, como deportes ou economía; e tamén bolseiras, autónomas, guionistas, académicas e especialistas en comunicación dixital. Todas xuntas, cantáronlle as corenta ao noso sector, por todos os trofeos e loureiros que levan os seus xefes ou os recoñecementos que obteñen os seus compañeiros e que silencian moitas veces o traballo invisible de mulleres. Despois cantaron as vinte en copas para brindar polo compañeirismo, polo mérito, e pola igualdade de trato, e para desexar que remate dunha vez o parternalismo, a condescendencia e a discriminación.
Se a man vai de ouros, ou de euros, as xornalistas galegas tamén queren asisitir: poñer boca arriba o conto da raíña do fogar, a fábula da supermamá ou o calote das cremas redutoras de xornada laboral. Ter fillos non pode seguir penalizando a calidade de vida das xornalistas, os seus salarios e as súas pensións; non pode seguir constituíndo un agravio comparativo cos homes.
Altas e claras, as xornalistas elevaron aínda máis o ton para cantar as vinte en bastos contra a violencia e as súas cifras obscenas, infames e indecentes. A cultura machista é esa ignominia na que agroman as agresións, e pode ser combatida coa boa influencia dos medios. Pero para acabar cos roles, a hipersexualización e os prexuizos sexistas cómpren as gafas de ver da formación, que aínda escasea en xornais, emisoras e cadeas de televisión.
Xornalistas participantes na iniciativa #IgualdadeDePrensa:
- María Bragado
- Loreto Costa
- Ana Expósito
- Lara Graña
- Cristina Huete
- Margarita Ledo Andión
- Diana López Varela
- Carmen Merelas
- Mercedes Moralejo
- Tareixa Navaza
- María Obelleiro
- María Pardo
- Ana Pardo de Vera
- Aida Pena
- Valeria Pereiras Reza
- María Xosé Porteiro
- Belén Puñal
- Marta Rodríguez
- Fernanda Tabarés
- Marta Veiga
- Andrea Villa
- María Yáñez
CPXG