Xornalistas salvadoreñas transmiten ao CPXG a "situación terríbel" da prensa no seu país
A decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Belén Regueira, e a vogal da Xunta de Goberno Ana González Liste reuníronse este martes coas xornalistas salvadoreñas Carolina Amaya, fundadora e directora de Malayerba, e Gabriela Villarroel, redactora de La Prensa Gráfica, para coñecer de primeira man a situación da liberdade de prensa nese país. Na xuntanza participaron tamén Juana Ferrer Paredes, activista dominicana da Confederación Nacional de Mujeres del Campo, que se encontra e Galicia grazas ao mesmo programa Galicia Abriga que acolle ás comunicadoras do Salvador, e Sonia Díaz, técnica de proxectos de Agareso, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social.
As dúas comunicadoras denunciaron a "situación terríbel", nas palabras de Amaya, da liberdade de prensa no Salvador tras a chegada ao poder de Nayib Bukele, cuns medios cada vez máis controlados polo poder e ataques e ameazas a xornalistas. O número das agresións, xa bastante alto, duplicouse con motivo das eleccións presidenciais do pasado 4 de febreiro, cando se rexistraron até 311 incidentes contra a liberdade de información. A isto súmanse a estigmatización e os ataques nas redes sociais, que moitas veces pasan desapercibidos porque, segundo Villarroel, "os xornalistas no Salvador normalizamos as cousas que nos están a pasar". Con todo, como denunciou a xornalista de La Prensa Gráfica, "non existe unha alarma internacional sobre o que pasa na prensa do Salvador", onde xa houbo mesmo casos de informadores encarcerados, como Víctor Barahona, polo que reclaman unha maior difusión das dificultades que teñen para informar. "En toda América Central hai un problema para a liberdade de prensa", resaltou a directora de Malayerba, "somos practicamente perseguidos políticos".
A propia Gabriela Villarroel foi obrigada a borrar imaxes que rexistraban malas prácticas no reconto dos votos das pasadas eleccións e Carolina Amaya, especializada no xornalismo ambiental, enfróntase a un proceso xudicial interposto pola empresa Desarrollos Agua Caliente, que quere obrigarlle a "rectificar" informacións malia a estaren baseadas en resolucións xudiciais e do Ministerio de Medio Ambiente. Debido ao acoso sufrido durante "case dous anos de represión", Amaya xa decidiu que non vai regresar ao Salvador, e tentará seguir co seu proxecto Malayerba desde o exterior do país. Fronte aos ataques á liberdade de prensa, as comunicadoras aseguraron que a profesión se atopa "dividida", con xornalistas oficialistas que mesmo participan do acoso aos informadores independentes. Mais a Asociación de Periodistas de El Salvador, unha das máis veteranas da rexión, reimpulsou a súa actividade realizando denuncias sobre as distintas agresións e apoiando o traballo de xornalistas tanto asociados como non asociados. Así mesmo, existen medios, sobre todo na contorna dixital, que seguen a dar a batalla informativa contra o discurso oficialista. Mais a día de hoxe, a información independente depende do financiamento de fondos de cooperación internacionais ou de bolsas xornalísticas, o que en moitas ocasións impón orzamentos moi escasos, asociados a proxectos concretos, e que conlevan moita burocracia.
Juana Ferrer salientou o problema de que os medios latinoamericanos seguen en moitas ocasións en mans de oligarquías e exaltan en todo o continente os reximes máis autoritarios, como o do Salvador ou o da República Dominicana, onde o nivel de represión aínda é menor pero que asegurou que "vai aumentar e vai vir contra as mulleres", no cadro da loita pola aprobación do aborto polo menos en tres circunstancias (cando o embarazo supoña un risco para a vida da nai, cando o feto non sexa viábel e cando sexa resultado de violación ou incesto) que se desenvolve nese pais. Neste sentido, destacou a importancia de "visibilizar a nivel internacional o que pasa nun país a través dos medios e dos xornalistas alternativos".
Carolina Amaya, Juana Ferrer e Gabriela Villarroel encóntranse na nosa comunidade grazas a Galicia Abriga, o programa galego de acollida temporal a mulleres defensoras de dereitos humanos que conta con Agareso como unha das entidades responsábeis. Ademais de solicitar a difusión da situación da liberdade de prensa no seu país, as xornalistas fixeron un chamamento para que se estabelezan estabelezan programas específicos para a acollida de xornalistas de América Central e o Caribe, facilitando que as e os comunicadores poidan seguir a informar mentres se tramitan as súas solicitades de asilo e acollida.
CPXG