'La Voz de Galicia' pecha esta edición dos obradoiros sobre tratamento das violencias machistas do CPXG

Fátima Frieiro imparte o obradoiro de formación á redacción de 'La Voz de Galicia'

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia realizou o mércores nas instalacións de La Voz de Galicia en Arteixo, da man de Fátima Frieiro, o último dos cinco obradoiros de formación para mellorar o tratamento informativo das violencias contra as mulleres. Esta experiencia, posíbel grazas ao convenio asinado coa Consellería de Politica Social e Igualdade da Xunta de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o ano 2025, levou por primeira vez directamente ás redaccións ferramentas para informar dunha maneira responsábel sobre as violencias machistas.

Como no resto de sesións, este obradoiro serviu para achegar ás e aos xornalistas coñecementos e técnicas prácticas, ao tempo que se resolveron dúbidas e se formularon reflexións profesionais sobre unha materia informativa que se estendeu nos últimos tempos a tódalas seccións, da Política ao Deporte ou á Economía. Algúns dos puntos tratados foron a diversificación das fontes (con ideas para evitar o abuso de fontes veciñais ou familiares), a contextualización (cunha explicación de por que a violencia de xénero é un problema estrutural e require un tratamento diferenciado con respecto a outros crimes) ou a necesidade de construir un relato xornalístico dos feitos que non caia na culpabilización da vitima e evite a revitimización. 

Fátima Frieiro é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e conta cun mestrado en Márketing e Comunicación Política. Leva case dúas décadas exercendo o xornalismo na prensa escrita en cabeceiras como Diario de Arousa (da que é actualmente redactora xefa) e anteriormente en Diario de Pontevedra ou Faro de Vigo. Tamén participa habitualmente no faladoiro de Radio Arosa Cadena Ser. Como todas as encargadas dos obradoiros, recibiu formación específica no tratamento das violencias machistas impartida pola profesora Isabel Menéndez Menéndez, catedrática de Comunicación Audiovisual na Universidade de Burgos e experta na materia. 

Con este obradoiro remata esta edición dunha experiencia pioneira que ao longo dos meses de outubro e novembro trasladou esta formación tan necesaria ás redaccións de cinco dos principais medios da nosa comunidade: Faro de VigoEl Progreso, Europa Press, a Cadena Ser e La Voz de Galicia. Os obradoiros foron posíbeis grazas á sinatura dun convenio coa Consellería de Politica Social e Igualdade, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, co que se dá cumprimento ao o artigo 58 da a Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, que recolle que se organizarán "actividades formativas dirixidas a profesionais da información coa finalidade de adquiriren as habilidades e os coñecementos necesarios para, no exercicio da súa profesión, transmitiren unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes".

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ten na loita contra a desigualdade e a violencia de xénero é unha das súas principais preocupacións e a ela ten dedicado numerosos esforzos desde a sinatura, hai máis de vinte anos, da Declaración de Compostela. Por esta razón, traballarase para que nos próximos anos, os obradoiros poidan repetirse nestas e noutras redaccións galegas, até que estes coñecementos e ferramentas tan necesarios para un tratamento axeitado das violencias machistas  cheguen ao conxuno dos e das xornalistas da nosa comunidade. 

CPXG